1 Así tomei estas cousas no meu corazón e declaro todo isto: Que os xustos e os sabios e os seus feitos están na man de Deus. As persoas non saben nin de amor nin de odio; todo está diante delas. 2 A todos acontece o mesmo: Hai unha mesma sorte para o xusto e para o impío; para o bo, para o limpo e para o inmundo; para quen ofrece sacrificio e para quen non sacrifica. Así o bo, así o pecador; así o que xura, así o que teme xurar. 3 Este mal hai en todo o que se fai debaixo do sol: Que hai unha mesma sorte para todos. Ademais, o corazón dos fillos dos homes está cheo de maldade e hai loucura no seu corazón toda a súa vida: marchan despois aos mortos. 4 Para calquera que estea unido aos vivos, hai esperanza; de certo un can vivo é mellor ca un león morto. 5 Porque os que viven saben que han morrer, pero os mortos nada saben, nin teñen xa ningunha recompensa porque a súa memoria está esquecida. 6 En verdade xa pereceron o seu amor, o seu odio e o seu celo, e nunca máis terán parte en todo o que se fai debaixo do sol. 7 Vaite, come o teu pan con gozo, e bebe o teu viño con corazón ledo, porque Deus xa aprobou as túas obras. 8 En todo tempo sexan brancas as túas roupas, e que non falte óleo sobre a túa cabeza. 9 Goza da vida coa muller que amas todos os días da túa vida de vaidade que se che deu debaixo do sol, todos os días da túa vaidade, porque esta é a túa parte na vida e no traballo do que te afanas debaixo do sol. 10 Todo o que che estea a man para facer, faino segundo as túas forzas; porque no Seol, onde vas, non hai actividade nin propósito nin coñecemento nin sabedoría. 11 Vin ademais que debaixo do sol, a carreira non é dos lixeiros, nin dos valentes a batalla; e que tampouco é dos sabios o pan, nin dos entendidos as riquezas, nin dos intelixentes o favor, senón que o tempo e a sorte lles chega a todos. 12 Porque o home tampouco coñece o seu tempo: Coma peixes atrapados na rede de engano, e coma paxaros apresados no lazo, así son atrapados os fillos dos homes no tempo ruín, cando o de súpeto cae sobre eles. 13 Tamén cheguei a ver algo que me pareceu de gran sabedoría: 14 Había unha cidade pequena con poucos homes nela. Foi a ela un grande rei, e cercouna e construíu contra ela grandes tranqueiras; 15 pero nela estaba un home pobre e sabio; e el coa súa sabedoría librou a cidade; porén, ninguén se lembrou daquel pobre home. 16 Dixen para min: Mellor é a sabedoría cá forza; pero a sabedoría do pobre desprézase e as súas palabras non son escoitadas. 17 As palabras do sabio ditas en silencio, son mellores que os berros do gobernante entre os necios. 18 Mellor é a sabedoría que as armas de guerra, pero un que faga algo mal, destrúe moito ben.