Capítulo 10

1 As moscas mortas fan feder o óleo do perfumista; un pouco de insensatez pesa máis que a sabedoría e o honor. 2 O corazón do sabio guíao cara a dereita, e o corazón do necio, cara a esquerda. 3 E ata cando o necio anda polo camiño, fáltalle entendememto e di a todos que é un necio. 4 Se o espírito do gobernador é contra ti, non deixes o teu posto, porque a serenidade suaviza grandes ofensas. 5 Hai un mal que vin debaixo do sol, como un erro que procede do gobernante: 6 A necedade colocada en lugares altos, mentres os potentados sentan en lugares humildes. 7 Vin servos a cabalo e príncipes camiñando coma servos sobre a terra. 8 O que cava o burato cae nel, e o que racha o muro, unha serpe ha mordelo. 9 O que saca pedras máncase con elas, e o que racha leña, niso ten perigo. 10 Se o ferro está embotado e non se afiou o corte, entón hai que facer máis forza; o que ten proveito é empregar a sabedoría. 11 Se a serpe morde antes de ser encantada, de nada serve o encantador. 12 Da boca do sabio saen as palabras cheas de graza, porén os labios do necio lle causan a súa propia ruína. 13 O comezo das palabras da súa boca é insensatez e o final da fala loucra perversa. 14 O necio multiplica as palabras, pero ninguén sabe o que acontecerá, e quen lle fará saber o que ha acontecer despois del? 15 O traballo do necio agótao tanto que xa non sabe o camiño á cidade. 16 Ai de ti , terra cando o teu rei é mozo, e os teus príncipes fan festa de mañá! 17 Feliz es ti, terra, cando o teu rei é fillo dos nobres e os príncipes comen a tempo para fortalecerse e non para embebedar. 18 Por deixadez fúndese o teito, e por preguiza a casa ten goteiras. 19 A comida prepárase por pracer, e o viño alegra a vida e o diñeiro é a resposta para todo. 20 Nin no teu pensamento digas mal contra do rei, nin na túa recámara maldigas ao rico, porque unha ave dos ceos levará o rumor, e un ser con ás revelará o asunto.