Capítulo 8

1 Quen é como o sabio? E algún outro sabe a explicación das cousas? A sabedoría do home ilumina a súa faciana, e fai que mude a dureza do seu rostro. 2 Eu digo: Garda o mandato do rei por causa do xuramento diante de Deus. 3 Non teñas présa por marchar da súa presenza, nin persistas en cousa mala, porque El fará o que queira. 4 Xa que a palabra do rei é soberana, quen lle dirá: Ti que fas? 5 O que garda o mandato real non experimentará ningún mal; o corazón do sabio coñece o tempo e o modo. 6 Porque para cada asunto hai un tempo e un modo, aínda que a aflición do home é moita sobre el. 7 Se ninguén sabe o que acontecerá, quen lle anunciará como a de acontecer? 8 Non hai home que teña poder para refrear o vento co vento, nin poder sobre o día da morte, e non valen armas para tal guerra, e a maldade tampouco pode librar o malvado. 9 Todo isto vin e puxen o meu corazón en toda obra que se fai debaixo do sol, cando o home domina a outro home para a súa desgraza. 10 E tamén vin os impíos ser sepultados, aqueles que entraban e saían do lugar santo, e que pronto foron esquecidos na cidade na que actuaran así. Tamén isto é vaidade. 11 Pero como a sentenza contra unha mala obra non se executa decontado, por iso o corazón dos fillos dos homes está totalmente entregado neles a facer o mal. 12 Aínda que o pecador faga cen veces o mal e alongue a súa vida, estou certo de que lles irá ben aos que temen a Deus, aos que temen a súa presenza. 13 Porén non lle irá ben ao impío, nin alongará os seus días como unha sombra, porque non teme ante a presenza de Deus. 14 Hai unha vaidade que se fai sobre a terra: Hai xustos a quen lles acontece segundo as obras dos impíos, e hai impíos que lles acontece segundo as obras dos xustos. Digo que tamén isto é vaidade. 15 Por tanto, louvei o pracer, porque nada bo hai para o home debaixo do sol senón comer, beber e alegrarse, e isto o acompañará nos seus traballos, nos días da súa vida que Deus lle teña dado debaixo do sol. 16 Cando apliquei o meu corazón para coñecer a sabedoría e mirar o traballo que fora feito na terra (aínda que non durmise nin polo día nin pola noite), 17 e contemplei toda a obra de Deus, concluín que o home non pode descubrir a obra que se fixo debaixo do sol. Por moito que alguén traballe para buscala, non a descubrirá; e aínda que o sabio diga que a coñece, non pode descubrila.