Capítulo 7

1 Mellor é a boa fama que o mellor perfume e o día da morte que o día do nacemento. 2 Mellor é ir á casa de loito que a unha casa en festa, porque alí vese o fin de todos os seres humanos e o que vive meditará no seu corazón. 3 Mellor é a tristeza có riso, porque coa tristreza eméndase o corazón. 4 O corazón dos sabios está na casa de loito, mais o corazón dos necios está na casa onde hai festa. 5 Mellor é ouvir a reprensión do sabio que a cantiga dos necios. 6 Porque o riso do necio é como o crepitar dos espiños debaixo da pota. E iso tamén é vaidade. 7 Con certeza a opresión perturba a quen é sabio e o suborno corrompe o corazón. 8 Mellor é o fin das cousas que o seu principio; mellor é ser paciente de espírito que altivo de espírito. 9 Non teñas présa no teu espírito por anoxarte; porque a ira aniña no seo dos necios. 10 Nunca digas: Por que os tempos pasados foron mellores que os presentes? Porque non é de sabios preguntar isto. 11 Tan boa é a sabedoría como unha herdanza, e dela se aproveitan os que ven o sol. 12 Porque a sabedoría serve de protección, como de protección serve o diñeiro, coa vantaxe de que a sabedoría dá vida aos seus posuidores. 13 Mira a obra de Deus, porque quen poderá enderezar o que El torceu? 14 Alégrate no día bo, e no día malo, medita: Deus fixo tanto o un como o outro para que o home non descubra nada que aconteza despois del. 15 Todo isto vin nos días da miña vaidade: Hai xusto que perece na súa xustiza, e hai impío que alonga os seus días na súa maldade. 16 Non sexas demasiado xusto, nin sexas sabio en exceso, por que te destruirás a ti mesmo? 17 Non sexas demasiado impío, nin sexas necio, por que has morrer antes de tempo? 18 É bo que reteñas isto, sen soltar o outro da man, porque o que teme a Deus sairá ben de todo. 19 A sabedoría fai máis forte ao sabio que dez gobernantes que haxa nunha cidade. 20 En verdade non hai persoa xusta na terra que faga o ben e nunca peque. 21 Tampouco tomes en serio todas as palabras que se falan para que non ouvas ao teu servo maldicirte. 22 Porque ti tamén te decatas que moitas veces tes maldicido a outros do mesmo modo. 23 Todo isto probei con sabedoría e dixen: Serei sabio; pero a sabedoría afastouse de min. 24 O que existe está lonxe e o que é moi profundo, quen o atopará? 25 Dirixín o meu corazón a coñecer, a investigar e a buscar a sabedoría e a razón e a recoñecer a maldade da loucura e a necedade sen ningún sentido. 26 E achei máis amarga cá morte á muller cuxo corazón son lazos e redes e as súas mans son cadeas. O que agrada a Deus escapará dela, pero o pecador será apresado por ela. 27 Olla, di o predicador, descubrín isto, xuntando unha cousa a outra para achar a razón, 28 que a miña alma está aínda a buscala, pero non a atopou. Achei un home entre mil, pero muller entre todas estas non atopei. 29 Olla, só isto achei: Que Deus fixo rectas as persoas, pero elas procuraron moitas perversións.