1 Entón Xacob chamou os seus fillos, e dixo: "xúntádevos, e contareivos o que vos vai a acontecer nos días vindeiros. 2 Achegádevos e escoitade fillos de Xacob. Escoitade ao voso pai Israel:" 3 Rubén, ti es o meu primoxénito, a miña fortaleza, e o principio do meu vigor, excelente en dignidade, e excelente en poder, 4 impetuoso coma as augas, non serás o principal, pois subiches ao leito do teu pai. Degradácheste, subindo ao meu tálamo. 5 Simeón e Leví son irmáns, instrumentos de violencia son as súas armas. 6 Non entre a miña alma no seu consello, nin o meu espírito se xunte á súa asemblea, pois no seu furor asasinaron homes, e por gusto mutilaron os bois. 7 Sexa maldita a súa ira, tan violenta, e a súa furia, tan cruel. Espallareinos entre Xacob, e farei que se dispersen en Israel. 8 Xudá, os teus irmáns alabarante. A túa man estará no pescozo dos teus inimigos. Inclinaranse ante ti os fillos do teu pai. 9 Xudá é un cachorro de león. Ergueraste sobre a túa presa, meu fillo. El agáchase e bótase coma león e coma leoa. Quen fará que se levante? 10 Non se apartará o cetro de Xudá , nin a vara de mando de entre os seus pés, até que chegue Silo e os pobos lle obedezan.. 11 Amarrando o seu burro á vide, e a cría da súa asna á cepa. Lava no viño o seu vestido, e a súa roupa en sangue de uvas. 12 Os seus ollos son vermellos coma o viño, e os seus dentes brancos coma o leite. 13 Zabulón vivirá á beira do mar. Será porto de navíos, e a súa fronteira até Sidón. 14 Isacar, asno forte, que repousa entre dous curros. 15 Viu que o descanso era bo, e a terra agradable. Abaixou o seu ombreiro á carga e servirá en tributo. 16 Dan xulgará o seu pobo como unha das tribos de Israel. 17 Será Dan serpe xunto ao camiño, víbora xunto ao sendeiro, que morde os talóns do cabalo e bota o xinete cara atrás. 18 Iahveh, a túa salvación agardo! 19 Gad, atracadores o atacarán, mais el atacará ao final. 20 O pan de Aser é apetitoso, e daralle delicias ao rei. 21 Neftalí é unha cerva solta, que está dando fermosísimas crías. 22 Xosé é un brote frutífero, unha rama frutífera xunto á fonte, e as súas pólas soben polo muro. 23 Os arqueiros amargárono, disparáronlle e acosárono. 24 Pero o seu arco mantívose firme, e as súas mans fortalecéronse debido ás mans do Poderoso de Xacob, por causa do Pastor, a Rocha de Israel. 25 O Deus de teu pai axudarate, o Deus Todopoderoso bendicirate con bendicións do ceo de arriba, con bendicións das profundidades de abaixo, e bendicións dos peitos e do ventre. 26 As bendicións do teu pai son maiores que as bendicións dos meus proxenitores, ata o límite dos montes eternos. Sexan elas para a cabeza de Xosé, e para a fronte do consagrado entre os seus irmáns. 27 Benxamín, lobo depredador. Pola mañá devorará a presa, e pola tarde repartirá despoxos. 28 Todas estas son as doce tribos de Israel, e isto foi o que lles predixo o seu pai, bendicíndoos a cada quen segundo a bendición que lle correspondía. 29 Despois deulles instrucións e díxolles: "eu vou a reunirme co meu pobo, sepultádeme cos meus pais na cova que está no campo de Efrón o heteo, 30 na cova que está no campo de Macpela, fronte a Mamre, na terra de Canaán, a que mercou Abraham co campo de Efrón heteo como propiedade para sepultura. 31 Alí enterraron a Abraham e á súa muller Sara. Alí sepultaron a Isaac e á súa muller Rebeca, e alí enterrei eu a Lea. 32 O campo e a cova que hai nel foron mercados aos fillos de Het." 33 Cando Xacob rematou de darlle instrucións os seus fillos encolleu os seus pés na cama, e expirou, e foi reunido ao seu pobo.