Capítulo 50

1 Entón Xosé botouse sobre o rostro do seu pai, chorou sobre el, e bicouno. 2 Despois Xosé ordenou aos médicos ao seu servizo que embalsamaran o seu pai, e os médicos embalsamaron a Israel. 3 Levoulles corenta días, que era o tempo que se empregaba para embalsamar. Despois os exipcios chorárono por setenta días. 4 Cando rematou o dó, Xosé faloulle á casa de Faraón, dicindo. "se teño graza aos vosos ollos, por favor, dicídelle a Faraón: 5 "meu pai fíxome xurar dicindo: "eu vou morrer. Enterrarasme no sepulcro que eu preparei para min mesmo na terra de Canaán. Agora, permíteme subir a sepultar a meu pai, e entón volverei." 6 Faraón respondeulle: "sube e enterra a teu pai, como el che fixo xurar." 7 Entón subiu Xosé sepultar o seu pai, e con el subiron todos os servos de Faraón, os anciáns da súa casa e todos os anciáns da terra de Exipto, 8 así como toda a familia de Xosé, os seus irmáns e a casa do seu pai. Soamente deixaron na terra de Gosén os seus pequenos, os seus rabaños e as súas vacadas. 9 Tamén subiron con el carros e xinetes. En total, un grupo moi grande de persoas. 10 Cando chegaron a Gorén-Atad, que está ao outro lado do Xordán, romperon nun lamento moi grande e amargo, e Xosé gardou dó sete días polo seu pai. 11 Cando os habitantes daquela terra, os cananeos, viron o dó na eira de Atad, dixeron: "este é un dó solemne para os exipcios." Por esta razón, ese lugar foi chamado Abel Mizraim, o cal se atopa alén do Xordán. 12 Así que os seus fillos fixeron por Xacob o que el lles instruíra. 13 Levárono á terra de Canaán e sepultárono na cova do campo de Macpela, campo que Abraham lle mercara a Efrón heteo, como propiedade de sepultura, fronte a Mamre. 14 Despois de sepultar o seu pai, Xosé volveu a Exipto xunto cos seus irmáns, e todos os que subiran con el a sepultar a seu pai. 15 Cando os irmáns de Xosé viron que o seu pai morrera, dixeron: "ao mellor Xosé aínda nos garda rencor e quere devolvernos todo o mal que nós lle fixemos a el." 16 Entón mandaron dicirlle a Xosé: "o teu pai ordenou antes da súa morte, dicindo: 17 "dicídelle A Xosé: "rógoche que perdoes a transgresión dos teus irmáns e o seu pecado, porque fixéronche mal." Agora, rogámosche que perdoes a transgresión dos servos do Deus de teu pai. Mentres falaban con el, Xosé choraba . 18 Entón os seus irmáns foron e inclináronse ante el, dicindo: "somos os teus escravos." 19 Pero Xosé respondeulles: "non teñades medo. Acaso estou eu no lugar de Deus? 20 Aínda que vós pensastes mal contra min, Deus encamiñouno para ben, para facer como neste día, e manter vivo un pobo numeroso. 21 Así que non temades, eu sustentareivos a vós e os vosos pequenos." Despois consolounos e faloulles ao corazón. 22 Xosé viviu en Exipto, xunto coa familia do seu pai. E viviu Xosé cento dez anos. 23 E mirou Xosé os fillos de Efraín até a terceira xeración. E tamén mirou os fillos de Maquir, fillo de Manasés, que foron postos nos xeonllos de Xosé. 24 Despois díxolle Xosé aos seus irmáns. "Eu vou morrer, pero Deus visitaravos, e faravos subir desta terra á terra que xurou dar a Abraham, a Isaac e a Xacob." 25 E Xosé fíxolle xurar os fillos de Israel, dicindo: "Deus certamente visitaravos, e vós levaredes os meus ósos de aquí." 26 E morreu Xosé á idade de cento dez anos, e embalsamárono, e puxérono nun cadaleito en Exipto.