Capítulo 44

1 E Xosé ordenoulle ao mordomo da súa casa dincíndolle: "enche os sacos destes homes con comida, toda a que poidan levar, e coloca os cartos de cada un deles na boca do seus sacos. 2 E pon a miña copa, a copa de prata, na boca do saco do máis novo, xunto cos seus cartos para o gran." E o mordomo fixo conforme Xosé lle indicou. 3 Ao raiar o día aqueles homes foron despedidos, eles e os seus burros. 4 Cando xa estaban fóra da cidade, pero non moi afastados, Xosé díxolle ao seu mordomo: "érguete, e persigue a eses homes, e cando os alcances dilles: "por que devolvestes mal por ben? 5 Non é esta a copa da que bebe o meu señor, a que se usa para adiviñar? Fixestes mal actuando así." 6 Así, o mordomo alcanzounos e díxolles esas palabras. 7 E eles respondéronlle: por que fala meu señor tales cousas? Lonxe estea dos teus servos facer semellante cousa! 8 Mira, os cartos que atopamos cando abrimos os nosos sacos, viñemos traerchos de novo dende a terra de Canaán, daquela, como roubariamos a prata ou o ouro da casa do teu señor? 9 Aquel dos teus servos ao que lle atopen os cartos, que morra, e nós tamén seremos escravos do meu señor." 10 O mordomo dixo: "sexa conforme as vosas palabras, aquel ao que lle atopen a copa será o meu escravo, e vós seredes inocentes." 11 Entón apresuráronse, e baixaron cadanseus sacos ao chan, e abríronos. 12 O mordomo comezou a rexistrar os sacos polo maior e rematou co menor, e atopou a copa no saco de Benxamín. 13 Entón eles esgazaron as súas vestiduras, e cargaron cada un o seu burro e regresaron á cidade. 14 E chegaron Xudá e os seus irmáns á casa de Xosé, e el estaba aínda alí, e prostráronse no chan diante del. 15 E Xosé díxolles: "que foi o que fixestes? Non sabedes que un home coma min é quen de adiviñar?" 16 Entón Xudá dixo: "que lle diremos ao meu señor? Que falaremos? Como nos xustificaremos? Deus descubriu a iniquidade dos teus servos. Velaí, somos escravos do meu señor, nós, e tamén aquel ao que lle descubriron a copa." 17 Pero el dixo: "lonxe de min facer iso. O home ao que lle atoparon a copa, ese será o meu escravo. O resto subide en paz onda o voso pai." 18 Entón Xudá acercouse a el, e díxolle: "Ai, meu señor! Por favor déixame contar algo aos oídos do meu señor, e non se acenda a túa ira contra o teu servo porque ti es coma o mesmo Faraón. 19 Meu señor preguntoulles aos seus servos, dicindo: "tedes pai ou irmán?" 20 E nós respondemos ao meu señor: "temos un pai ancián, e un rapaz pequeno que lle naceu na súa vellez. O seu irmán morreu, e só quedou el da súa nai, e o seu pai ámao. 21 E dixécheslle aos teus servos: traédemo para que o vexa. 22 Entón dixémoslle ao meu señor: o rapaz non pode abandonar o seu pai, porque se o abandonase, o seu pai morrería." 23 Mais ti dixécheslle aos teus servos: "se o voso irmán máis novo non baixa convosco, non volveredes ver o meu rostro. 24 E aconteceu que cando chegamos onda noso pai, teu servo, contámoslle as palabras do meu señor. 25 E o noso pai dixo: volvede a mercar comida para nós. 26 Pero nós dixemos: non podemos baixar. Iremos se o noso irmán máis novo vén connosco, porque non poderemos ver o rostro daquel home se non está con nós o noso irmán menor." 27 E o teu servo, o noso pai, replicounos: "vós ben sabedes que a miña muller deume a luz dous. 28 Un deles marchou de onda min e dixen: certamente foi despezado, e ata o de agora non o vin. 29 E se vos levades tamén a este do meu lado e lle acontece algún dano, faredes descender as miñas canas con desgraza ao Seol." 30 E agora, cando chegue onda teu servo, o meu pai, e o rapaz non estea connosco, como a súa alma está ligada a alma del, 31 cando vexa que o rapaz non está, morrerá, e os teus servos farán descender con dor ao Seol as canas do teu servo, o noso pai. 32 Porque eu, o teu servo, quedei como garante do rapaz ante o meu pai, dicindo: "se non cho traio de volta, sempre serei o culpable ante o meu pai." 33 Agora, rógoche que o teu servo quede por escravo do meu señor no lugar do rapaz, e que el suba cos seus irmáns. 34 Porque, como hei subir eu onda o meu pai se o rapaz non está comigo? Non vexa eu o mal que sufriría o meu pai!