1 Xosé xa non podía conterse a si mesmo diante de todos os serventes que estaban onda el, e berrou: botádeme a todos de aquí! Así que non quedou ningún servo con el cando se deu a coñecer aos seur irmáns. 2 Entón el chorou a berros, e sentírono os exipcios e oíuno a casa de Faraón. 3 E Xosé díxolle aos seus irmáns: eu son Xosé! Meu pai aínda vive? E os seus irmáns non puideron responderlle, porque estaban turbados pola súa presenza. 4 Entón dixo Xosé aos seus irmáns: "achegádevos a min, por favor!" E eles achegáronse e el díxolles: "eu son o voso irmán Xosé, a quen vós vendestes a Exipto. 5 Agora ben, non contristedes nin vos enoxedes con vós mesmos por terme vendido aquí, pois Deus envioume diante de vós para preservar a vida. 6 Porque houbo xa dous anos de fame no medio desta terra, e quedan aínda cinco anos nos que non haberá nin sementeira nin sega. 7 Por iso Deus envioume diante vosa, para preservarvos un remanente nesta terra e para darvos vida por medio dunha gran liberación. 8 Así que non me mandastes vós aquí, senón Deus, e El púxome coma un pai para Faraón, e como o señor da súa casa, e como o gobernador de toda a terra de Exipto. 9 Bulide, subide onda meu pai, e dicídelle: así di o teu fillo Xosé: Deus púxome por señor de todo Exipto, baixa onda min, non te demores, 10 e habitarás na terra de Gosén, e estarás preto de min, ti e os teus fillos, e os fillos dos teus fillos, os teus rabaños e as túas vacadas, e todo canto tes. 11 E alí sustentareite, pois aínda quedan cinco anos máis de fame, para que non caias na miseria ti e a túa casa, e todo o que tes. 12 E por certo, os vosos ollos poden ver, e os ollos de meu irmán Benxamín, que é a miña boca a que vos fala. 13 Contarédeslle a meu pai todo o meu esplendor en Exipto e todo o que vistes. Así que, bulide e facede baixar aquí a meu pai! 14 Xosé botouse o pescozo do seu irmán Benxamín e chorou, e Benxamín chorou no seu pescozo. 15 E bicou a todos os seus irmáns, e chorou sobre eles. Despois os seus irmáns falaron con el. 16 As novas chegaron ata a casa de Faraón, onde se dixo: "viñeron os irmáns de Xosé." E isto agradou a Faraón e aos seus servos. 17 E dixo Faraón a Xosé: "dille aos teus irmáns: facede isto: Cargade as vosas bestas, e ide, e entrade á terra de Canaán. 18 Despois recollede a voso pai e as vosas familias, e vinde onda min, e dareivos o bo da terra de Exipto, e comeredes da abundancia do país. 19 Mándalles tamén: collede carros da terra de Exipto para os vosos pequenos e as vosas mulleres, e recollede a voso pai, e vinde. 20 Non vos preocupedes polas vosas posesións, porque o mellor de toda a terra de Exipto é voso. 21 E así fixeron os fillos de Israel, e deulles Xosé carros de acordo ao mandato de Faraón e provisións para a viaxe. 22 A todos eles deulles mudas de roupa, mais a Benxamín deulle trescentas pezas de prata e cinco mudas de roupa. 23 E ao seu pai mandoulle isto: dez asnos cargados do mellor de Exipto, e dez asnas cargadas de trigo, e pan e comida, para a viaxe do seu pai. 24 Así que despediu os seus irmáns e eles marcharon. E díxolles: non rifedes polo camiño. 25 E subiron dende Exipto e chegaron á terra de Canaán onda Xacob o seu pai, 26 e déronlle as novas, dicindo: "Xosé vive aínda e é gobernante sobre toda a terra de Exipto." E o corazón de Xacob aflixiuse, porque non lles cría. 27 Pero eles contáronlle todo o que Xosé lles dixera, e cando Xacob viu os carros que Xosé enviaba para levalo, o seu espírito reviviu. 28 Entón Israel dixo: "basta! Xosé o meu fillo aínda vive! Irei a velo antes de que eu morra."