Capítulo 42

1 Vendo Xacob que había gran en Exipto, díxolle aos seus fillos: por que vos estades a mirar os uns aos outros? 2 E dixo: "velaquí, escoitei que hai alimento en Exipto. Ide alí e mercade un pouco para nós, para que poidamos vivir e non morramos." 3 Entón os dez irmáns de Xosé foron mercar gran a Exipto. 4 Pero a Benxamín, irmán de Xosé, Xacob non o enviou cos seus irmáns, porque dixo: "non vaia ser que lle aconteza algo malo." 5 E os fillos de Israel foron cos que ían mercar gran, pois había fame na terra de Canaán. 6 E Xosé era o gobernador daquela terra, quen lle vendía a todo o pobo da terra. Viñeron os irmáns de Xosé e prostráronse diante del, rostro en terra. 7 Cando Xosé viu aos seus irmáns recoñeceunos, pero finxiu non coñecelos, e falándolles con dureza, díxolles: "de onde vides?" Eles dixeron: "da terra de Canaán para mercar comida." 8 E Xosé recoñeceu os seus irmáns pero eles non o recoñeceron a el. 9 Entón Xosé lembrou os soños que tivera acerca deles, e díxolles: "vós sodes espías! Viñestes ver as partes indefensas da nosa terra." 10 Entón eles dixeron: "non, meu señor, os teus servos viñeron para mercar comida. 11 Todos nós somos fillos dun mesmo home. Somos homes honrados, teus servos non son espías." 12 Pero el díxolles: "non! Vós viñestes ver as partes indefensas da nosa terra." 13 Entón eles dixéronlle: "Nós, os teus servos, somos doce irmáns, fillos do mesmo pai na terra de Canaán. O irmán máis novo está agora co noso pai, e o outro xa non está." 14 Xosé respondeulles: "o que eu che digo: sodes espías! 15 Nisto seredes probados: pola vida de Faraón que non sairedes de aquí a menos que o voso irmán menor veña a este lugar. 16 Enviade a un de vós a buscar o voso irmán. Namentres vós quedaredes presos, para que sexan probadas as vosas palabras, a ver se hai verdade en vós, e se non, pola vida de Faraón que sodes espías!" 17 E púxoos baixo custodia por tres días. 18 Xosé díxolles ao terceiro día: "Facede isto e viviredes, pois eu temo a Deus". 19 Se sodes homes honrados, que un de vós quede nesta prisión, pero vós ide, e levade o gran para as vosas familias esfameadas. 20 Mais habédesme traer o voso irmán menor para que as vosas palabras sexan verificadas, e non morrades." E así fixeron eles. 21 E dicíanse os uns aos outros: "nós somos verdadeiramente culpables respecto ao noso irmán menor, porque vimos a angustia da súa alma cando nos rogaba, e non o escoitamos. Por iso caeu sobre nós esta angustia." 22 Rubén respondeulles, dicindo: seica non volo dixen: "non pequedes contra o rapaz?", pero non me escoitastes, e agora temos que rendir contas polo seu sangue. 23 Eles non sabían que Xosé os entendía, xa que había un tradutor polo medio. 24 Entón el apartouse deles e chorou. Despois volveu onda eles e faloulles, e tomando de entre eles a Simeón, atouno á vista dos seus irmáns. 25 E mandou Xosé os seus serventes que enchesen os seus sacos de gran, e que lles devolvesen a cada un deles os cartos poñéndoos nos seus sacos, e que lles desen provisións para o camiño. E así se fixo con eles. 26 E cargaron os burros co seu gran e marcharon de alí. 27 Pero cando un deles abriu o seu saco para darlle de comer ao seu burro na pousada, viu que os cartos estaban na boca do seu saco. 28 E díxolle aos seus irmáns: "devolvéronme o meu diñeiro, está aquí no meu saco!". Entón deulles unha volta o corazón, e tremendo dicíanse os uns aos outros: "que está a facer Deus con nós?" 29 Cando chegaron onda seu pai Xacob na terra de Canaán, contáronlle todo o que lles sucedera, dicindo: 30 "aquel home, o señor daquela terra, falounos con dureza e pensou que eramos espías." 31 Pero nós dixémoslle: "somos homes honrados, non espías. 32 Nós eramos doce irmáns, fillos do noso pai. Un xa non está, e o máis novo está agora co noso pai na terra de Canaán". 33 E aquel home, o señor daquela terra, díxonos: "así saberei que sodes homes honrados: deixade un dos vosos irmáns comigo e tomade o gran para as vosas familias esfameadas, e marchade. 34 Pero traédeme a voso irmán menor e deste xeito eu sabereique non sodes espías, senón homes honrados. Entón devolvereivos a voso irmán e poderedes comerciar na terra." 35 E mentres baleiraban os seus sacos, decatáronse de que as súas bolsas cos cartos estaban en cadanseus sacos. E ao veren xunto co seu pai as bolsas cos cartos, tiveron temor. 36 E o seu pai Xacob díxolles: "Privástesme dos meus fillos: Xosé non está, Simeón tampouco está, e queredes levarvos a Benxamín. Todo está na miña contra!" 37 Pero Rubén falou co seu pai, dicíndolle: "Podes matar os meus dous fillos se non chos traio. Pono baixo o meu coidado, que eu mesmo hei devolvercho." 38 Mais el replicoulle: "meu fillo non vai ir convosco, posto que seu irmán morreu e só me queda el. Se algún dano lle acontecese polo camiño, ides facerme descender con dor ao Seol."