1 Pasados dous anos completos, Faraón soñou que estaba de pé xunto ao río Nilo. 2 E velaí do río subían sete vacas gordas e de aspecto fermoso, e pastaban na xunqueira. 3 Pero tras elas subían do río outras sete vacas, de mal aspecto e fracas, e detivéronse ao carón das outras vacas á ribeira do río. 4 E as vacas feas e fracas devoraban ás vacas gordas e fermosas. E espertou Faraón, 5 pero quedou durmido outra vez e tivo un segundo soño: velaí que sete espigas medraban, boas e gordas, a partir dunha mesma cana, 6 pero despois destas brotaban outras sete espigas, fracas e resecas polo vento do leste. 7 E as sete espigas fracas devoraban ás espigas gordas e cheas. Entón espertou Faraón, e velaí que fora un soño. 8 Sucedeu que pola mañá o seu espíritu estaba turbado, e enviou e fixo chamar a tódolos magos de Exipto e a todos os seus sabios, e Faraón explicoulles o seu soño, pero non había quen puidese interpretalos para Faraón. 9 Entón falou o xefe dos copeiros con Faraón, dicindo: "lémbrome hoxe das miñas faltas: 10 cando Faraón anoxouse cos seus servos e púxome baixo custodia na casa do capitán da garda, a min e ao xefe dos panadeiros, 11 unha noite os dous tivemos un soño, cada un o seu soño co seu propio significado. 12 E estaba alí con nós un mozo hebreo, servo do xefe da garda. Explicámoslle a el os nosos soños, e interpretounos a cada un o seu soño. 13 E conforme el nos interpretou, así sucedeu: eu fun restaurado no meu posto, e o outro foi aforcado." 14 Entón Faraón mandou a chamar a Xosé, e sacárono rápidamente do cárcere. El barbeouse e mudou as súas roupas, e foi onda Faraón. 15 E díxolle Faraón a Xosé: "soñei un soño, pero non hai quen o interprete. Pero sentín dicir de ti que escoitas un soño e o intrepretas." 16 Xosé respondeu a Faraón dicindo: "non é de meu. Deus será o que dará resposta propicia a Faraón." 17 E díxolle Faraón a Xosé: "No meu soño eu estaba de pé xunto ao río Nilo, 18 e do río subían sete vacas gordas e de aspecto fermoso que pastaban na xunqueira. 19 . Pero tras elas subían do río outras sete vacas, fracas, enxoitas e de mal aspecto, tanto como nunca vira en toda a terra de Exipto. 20 Entón as vacas feas e fracas devoraron ás sete primeiras vacas gordas e fermosas. 21 E as primeiras vacas foron ao interior das segundas, pero non o parecía, porque o aspecto destas seguía sendo tan malo coma antes. Entón espertei. 22 E vin tamén no meu soño que, 23 velaí sete espigas medraban, boas e gordas, a partir dunha mesma cana, e tras delas brotaban outras sete espigas, fracas e resecas polo vento do leste. 24 E as sete espigas delgadas devoraban ás sete espigas boas. Conteille estes soños aos magos, pero non hai quen me dea unha explicación. 25 E díxolle Xosé a faraón: "ambos soños de Faraón son un mesmo. Deus revelou a Faraón o que El vai facer. 26 As sete vacas boas son sete anos, e as sete espigas boas son sete anos, é un mesmo soño. 27 Tamén as sete vacas fracas e feas que subían tras delas son sete anos. As espigas delgadas e resecas polo vento do leste serán sete anos de fame. 28 Isto é o que lle indiquei a Faraón: Deus amosou a Faraón que 29 veñen sete anos de gran abundancia en toda a terra de Exipto. 30 E tras deles veñen outros sete anos de fame, nos que hase esquecer toda a abundancia na terra de Exipto. 31 Será tan grave esta fame que xa non se lembrará a abundancia pasada. 32 Respecto a que o soño se repetise a Faraón dúas veces, isto débese a que é dunha decisión firme por parte de Deus, e pronto Deus a levará a cabo. 33 Agora busque Faraón a un home prudente e sabio, e póñao sobre a terra de Exipto. 34 Que Faraón faga isto e nomee gobernadores sobre a terra, e que tomen unha quinta parte das colleitas de Exipto durante os sete anos de abundacia. 35 E xuntarán todo alimento destes bos anos que van vir, e almacenarán o gran baixo a man de Faraón para alimento das cidades, e preservarano. 36 Este alimento será unha reserva para os sete anos de fame que haberá na terra de Exipto. Deste xeito a terra non perecerá de fame." 37 E pareceu ben este consello ante os ollos de Faraón, e ante os ollos de todos os seus servos. 38 E díxolle Faraón aos seus serventes: "acaso atoparemos outro home coma este, no que estea o Espírito de Deus?" 39 E díxolle Faraón a Xosé: xa que Deus mostrouche a ti todo isto, non hai prundente e sabio coma ti. 40 Ti estarás sobre a miña casa e acordo ás túas ordes someterase todo o meu pobo. Soamente no trono serei eu maior ca ti." 41 Dixo ademais Faraón a Xosé: "mira, eu póñote a ti sobre toda a terra de Exipto." 42 Entón Faraón colleu o anel de selo da súa man e colocouno na man de Xosé, e vestiuno con roupas de liño, e puxo unha cadea de ouro no seu pescozo, 43 e fixo subir a Xosé ao seu segundo carro, e proclamaban diante del: "axeonlládevos!" E Faraón puxo a Xosé sobre toda a terra de Exipto. 44 Faraón díxolle a Xosé: "eu son Faraón; e sen ti ninguén alzará a súa man ou o seu pé en toda a terra de Exipto." 45 E Faraón chamou o nome de Xosé "Zafnat-Panea"; e deulle por muller a Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On. E Xosé saíu por toda a terra de Exipto. 46 Xosé tiña trinta anos cando foi presentado diante de Faraón, rei de Exipto; e saíu Xosé de diante de Faráon e viaxou por toda a terra de Exipto. 47 Nos sete anos de abundancia a terra produciu a esgalla. 48 Recolleu todo o alimento dos sete anos de abundancia que houbo na terra de Exipto e gardou a comida nas cidades, poñendo en cada cidade o alimento dos campos de arredor. 49 E almacenou Xosé trigo como a area do mar, até non poder contalo, pois era innumerable. 50 A Xosé nacéronlle dous fillos antes de que viñesen os anos de fame, que deu a luz para el Asenat, a filla de Potifera, sacerdorte de On. 51 E Xosé chamou o nome do primoxénito Manasés; pois dixo: "Deus fíxome esquecer toda a miña turbación e toda a familia da casa de meu pai." 52 E chamou o nome do seu segundo fillo Efraín, porque dixo: "Deus fíxome frutífero na terra da miña aflición." 53 E pasaron os sete anos de abundancia que houbo na terra de Exipto, 54 e comezaron os sete anos de fame, como dixera Xosé, entón houbo fame en todas as terras, pero en toda a terra de Exipto había pan. 55 Cando se sentiu a fame en toda a terra de Exipto, o pobo clamou a Faraón por pan, e Faraón díxolle a tódolos exipcios: "ide onda Xosé e facede todo o que el vos diga." 56 E a fame estendeuse sobre toda a face da terra. Entón Xosé abriu todos os celeiros e vendeulle aos exipcios, pois a fame era severa en toda a terra de Exipto. 57 E viñan de tódolos países a Exipto para mercarlle gran a Xosé, porque a fame era severa en toda a terra.