Capítulo 40

1 Aconteceu despois destas cousas, que o copeiro e o panadeiro do rei de Exipto delinquiron contra o seu señor, o rei de Exipto. 2 Faraón estaba anoxado cos seus dous oficiais, o xefe dos copeiros e o xefe dos panadeiros, 3 e púxoos baixo custodia na casa do capitán da garda, na mesma prisión onde Xosé estaba confinado. 4 E o capitán da garda encargoullos a Xosé, e el servíaos, e estiveron baixo custodia por algún tempo. 5 E ámbolos dous, o copeiro e o panadeiro do rei de Exipto, que estaban arrestados na prisión, soñaron un soño, cadanseu propio soño nunha mesma noite, cada soño coa sua propia interpretación. 6 E Xosé foi onda eles pola mañá, e decatouse de que estaban tristes. 7 E preguntoulles a estes dous oficiais que estaban con el na cadea na casa do seu señor: "por que tedes tan mala cara?" 8 Eles dixéronlle: "soñamos un soño e non hai quen o interprete". E díxolles Xosé: "acaso non son de Deus as interpretacións? Contádemos agora. 9 Entón o xefe dos copeiros contoulle o seu soño a Xosé, e díxolle: "no meu soño había unha videira fronte a min, 10 e na videira tres pólas e, como brotando, a videira botaba flor e os seus acios de uvas maduraban. 11 E a copa de Faraón estaba na miña man e eu collín as uvas e espreminas na copa de Faraón, e puxen a copa na man de Faraón". 12 E díxolle Xosé: "este é o seu significado. As tres pólas son tres días. 13 Dentro de tres días levantará Faraón a túa cabeza, e restaurarate á túa posición e daraslle a copa de Faraón na súa man, como era costume, cando eras o seu copeiro. 14 Polo tanto, lémbrate de min cando che vaia ben. Por favor, ten comigo graza, e lémbrame ante Faraón e faime saír desta casa. 15 Pois eu fun arrebatado da terra dos hebreos, e tampouco aquí fixen nada para que me puxesen no cárcere. 16 Vendo o xefe dos panadeiros que a interpratación fora favorable, díxolle a Xosé: "tamén eu soñei que tiña tres cestas de pan na miña cabeza. 17 Na cesta de arriba había toda clase de manxares de pastelaría para Faraón, e os paxaros comían da cesta sobre a miña cabeza." 18 Xosé respondeu e dixo: "este é o seu significado: as tres cestas son tres días. 19 Dentro de tres días levantará Faraón a túa cabeza e fara que te colguen dunha árbore, e comerán os paxaros a túa carne." 20 Ao cabo de tres días foi o aniversario de Faraón, quen fixo un banquete para todos os seus servos, e ergueu a cabeza do xefe dos copeiros o do xefe dos panadeiros na presenza dos seus servos. 21 E devolveulle a súa posición ao xefe dos copeiros, e este deu a copa na man de Faraón. 22 Pero aforcou ao xefe dos panadeiros, conforme lles interpretara Xosé. 23 Mais o xefe dos copeiros non se lembrou de Xosé, senón que esqueceuno.