1 A Xosé, entón, levárano a Exipto, e Potifar, eunuco de Faraón e o capitán da garda e varón exipcio, mercárallo aos ismaelitas que o levaran ata alí. 2 Pero Iahveh estaba con Xosé, e chegou a ser un home próspero e vivía na casa do seu amo exipcio. 3 E o seu amo observou que Iahveh estaba con el e que Iahveh prosperaba todo o que el facía. 4 Así Xosé foi ben visto por Potifar e servíao. E Potifar fixo a Xosé o encargado da súa casa, e todo o que tiña púxoo baixo o seu coidado. 5 E sucedeu que, dende que o fixo encargado de toda a súa casa e de todo o que posuía, Iahveh bendixo a casa do exipcio por causa de Xosé. A bendición de Iahveh estaba sobre todo o que Potifar tiña, tanto na casa coma no campo. 6 Potifar puxo todo o que tiña baixo o coidado de Xosé, e, con el alí, non tiña que pensar noutra cousa que non fose o pan que comía. Ademais, Xosé era de bo parecer e atractivo. 7 Despois disto aconteceu que a esposa do seu amo botoulle o ollo a Xosé, e díxolle: "déitate comigo". 8 Pero el refusou, e díxolle á esposa do seu amo: "mira, o meu amo non lle presta atención o que eu fago na casa, e puxo todo o que lle pertence baixo o meu coidado. 9 Ninguén é mais grande ca min nesta casa. El non me priva de cousa algunha agás de ti, porque ti es a súa esposa. Como podo, entón eu facer un mal tan grande e pecar contra Deus?" 10 E aínda que ela insistíalle a Xosé día tras día, este refusaba deitarse con ela e estar con ela. 11 Pero aconteceu un día, que entrando á casa para facer o seu traballo, e non habendo alí ninguén dos da casa, 12 ela agarrouno pola roupa e díxolle: "déitate comigo!", mais el, diexando as súas roupas na man dela, fuxiu e saíu fóra. 13 Cando ela viu que el deixara a roupa na súa man e que fuxira fóra, 14 chamou os homes da casa e díxolles: " mirade, Potifar tróuxonos a un hebreo para mofarse de nós. Veu para deitarse comigo, pero eu berrei, 15 e cando me escoitou berrar, deixou a súa roupa no meu lado, e fuxiu e saiu fóra." 16 Entón ela retivo a súa roupa ata que o seu señor chegou á casa, 17 e deulle esta explicación: "o servo hebreo que ti nos trouxeches, veu a min para divertirse comigo, 18 e sucedeu que cando eu berrei, el deixou a súa roupa comigo e fuxiu fóra." 19 Aconteceu entón que, cando o seu señor escoitou a explicación que a súa esposa lle contou, dicindo: "isto é o que o teu servo me fixo", el enfadouse moito. 20 Entón colleu a Xosé e meteuno no cárcere no que estaban confinados os prisioneiros do rei. Así foi Xosé parar á cadea. 21 Máis Iahveh estaba con Xosé, e mostroulle misericordia e concedeulle favor ante os ollos do garda do cárcere. 22 E o garda puxo nas mans de Xosé a tódolos presos que estaban na prisión. Así, Xosé estaba ao cargo de calquera cousa que alí se facía. 23 O garda do cárcere non se preocupaba por nada que estivese na súa man, porque Iahveh estaba con el, e todo o que el facía, Iahveh facíao prosperar.