1 Sucedeu naquel tempo que Xudá deixou aos seus irmáns e quedouse cun adulamita ao que lle chamaban Hira. 2 E viu alí Xudá á filla dun home cananeo, chamado Súa, e tomouna e deitouse con ela. 3 E ela quedou embarazada e tivo un fillo que foi chamado Er. 4 Concibiu outra vez e tivo un fillo ao que chamou Onán. 5 E de novo volveu dar a luz un fillo e chamouno Sela. Estaba en Quezib cando o deu a luz. 6 Entón Xudá atopou unha esposa para Er, o seu primoxénito. O nome dela era Tamar. 7 Pero Er, o primoxénito de Xudá, era malo aos ollos de Iahveh, e Iahveh fixo que morrera. 8 E Xudá díxolle a Onán: "déitate coa muller do teu irmán, Cumpre co teu deber para con ela e levántalle descendencia ao teu irmán." 9 Pero Onán sabía que a descendencia non sería súa, porque cando se deitaba coa esposa do seu irmán vertía o seme no chan, coa fin de non dar descendencia ao seu irmán. 10 E isto que facía foi malo aos ollos de Iahveh, e tamén a el fíxoo morrer. 11 Entón Xudá díxolle a Tamar, a súa nora: "fica viúva na casa do teu pai ata que o meu fillo Sela medre." Porque temía: "el tamén podería morrer, igual que os seus irmáns." Así que Tamar foise e ficou na casa do seu pai. 12 Despois de moito tempo, a filla de Súa, esposa de Xudá, morreu. Cando rematou o tempo de loito, Xudá subiu onde os tosquiadores das súas ovellas en Timnat, el e mailo seu amigo Hira o adulamita. 13 E déronlle aviso a Tamar, dicindo: "mira, o teu sogro está subindo cara Timnat para tosquiar as súas ovellas." 14 Entón ela, vendo que Sela xa medrara, pero que ela non fóra entregada a el por esposa, quitouse as súas roupas de viúva e cubriuse cun veo e, disfrazada, sentouse á porta de Enaim, que está no camiño cara Timnat. 15 Cando a viu Xudá, pensou que era unha prostituta porque levaba a cara cuberta. 16 El desviouse do camiño onda ela, e díxolle: "ven, voume deitar contigo", pois non sabía que era a súa nora, e ela díxolle: "que me darás para te deitar comigo?" 17 El dixo: "eu mesmo enviareiche un cabrito das cabras do rabaño." E ela dixo: "darasme algo en prenda ata que mo envíes?" 18 El dixo: "que prenda che hei dar?" Ela respondeu: "O teu selo, o teu cordón e o bastón que está na túa man". Entón el deullos e deitouse con ela, e ela quedou embarazada del. 19 Despois ela levantouse e marchou. Quitouse o seu veo e púsoxe a roupa da súa viúvez. 20 E Xudá enviou o cabrito por medio do seu amigo o adulamita, para recibir a prenda de man da muller, pero non a atopou. 21 Entón o adulamita preguntoulles aos homes do lugar: "onde está a prostituta que estivo polo camiño de Enaim?" Eles dixeron: "non houbo ningunha prostituta por aquí." 22 Deseguido regresou a Xudá, e díxolle: "non a atopei. Ademais, os homes do lugar tamén dixeron: aquí non estivo ningunha prostituta." 23 E Xudá díxolle: "Deixa que quede coas cousas, para que non sexamos avergoñados. Enviar envieille o cabrito, mais ti non a atopaches." 24 Ao cabo duns tres meses avisaron a Xudá dicíndolle: "Tamar a túa nora fíxose prostituta e amais diso, está embarazada." Entón dixo Xudá: "que a traian aquí e a queimen." 25 Pero cando a levaron fóra, ela envioulle unha mensaxe ao seu sogro: "do home ao que pertencen estas cousas estou embarazada." E dixo: "recoñecede, por favor, de quen son este selo, o cordón e o bastón?" 26 Entón Xudá recoñeceunos e dixo: "ela é máis xusta ca min, porque eu non a dei como esposa ao meu fillo Sela." Pero nunca máis se deitou con ela. 27 Aconteceu que no tempo de dar a luz, velaí que había xemelgos no seu ventre. 28 E, cando estaba dando a luz, un deles sacou unha man, e a parteira tomou un fío de escarlata e amarroullo na man, dicindo: "este saíu primeiro." 29 Pero cando el retirou a man, velaquí que foi o seu irmán o que saíu primeiro. E a parteira exclamou: "como te abriches fenda!" Por esta razón chamárono Fares. 30 Despois saíu o seu irmán, o que tiña o fío de escarlata na man, e chamárono Zara.