1 Tamén quero lembrarvos, irmáns, o evanxeo que vos anunciei, aquel que vós aceptastes, no que ficades firmes. 2 Aquel no que tamén, se vos afirmades na palabra que eu vos prediquei, sodes salvos, do contrario, a vosa fe non valería para nada. 3 Transmitinvos o que eu tamén recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados, conforme ás Escrituras. 4 Que foi sepultado e que foi resucitado ao terceiro día, conforme ás Escrituras; 5 que se apareceu a Cefas, e despois aos doce. 6 Máis tarde apareceuse a máis de cincocentos irmáns ao mesmo tempo, a maioría deles aínda viven, mais algúns xa morreron. 7 Despois foi visto por Xacobe, e logo por tódolos apóstolos. 8 En derradeiro lugar, coma ao nacido a deshora, aparecéuseme tamén a min. 9 Pois eu son o máis pequeno de tódolos apóstolos, que nin son merecente de ser chamado apóstolo xa que perseguín a igrexa de Deus. 10 Pero pola graza de Deus son o que son, e a súa graza para min non foi en van, máis ben ao contrario, traballei máis ca todos eles, pero non eu, senón a graza de Deus en min. 11 Pois, ben sexa eu, ou eles, deste xeito predicamos, e deste xeito crestes vós. 12 Entón, se predicamos que Cristo foi resucitado de entre os mortos, como din algúns de entre vós que non hai resurrección dos mortos? 13 Porque se non hai resurrección dos mortos, tampouco Cristo foi resucitado; 14 e se Cristo non foi resucitado, a nosa predicación é baleira, así como tamén a nosa fe. 15 E mesmo somos declarados falsas testemuñas de Deus, porque testemuñamos que Deus resucitou o Mesías, pero se é verdade que os mortos non son resucitados, entón El tampouco resucitou. 16 Porque se os mortos non resucitan, tampouco Cristo resucitou, 17 e se Cristo non foi resucitado, a vosa fe de nada aproveita, e aínda estades nos vosos pecados. 18 E tamén os que durmiron en Cristo pereceron. 19 Se soamente para esta vida esperamos en Cristo, de tódalas persoas, somos os máis dignos de compaixón. 20 Mais non é así: Cristo foi resucitado de entre os mortos como primicia daqueles que durmiron! 21 Porque do mesmo xeito que por un home veu a morte, tamén por medio dun home veu a resurrección dos mortos. 22 Porque así como en Adán todos morren, así tamén en Cristo todos serán vivificados. 23 Pero cada un na súa orde: Cristo como a primicia; e despois os que son de Cristo na súa vinda. 24 Entón chegará o final, cando lle entregue o reino ao Deus e Pai, e poña fin a todo imperio, autoridade e poder. 25 Porque é necesario que El reine ata que poña a tódolos seus inimigos por debaixo dos seus pés. 26 E o derradeiro inimigo que será destruído é a morte. 27 Pois someteu tódalas cousas debaixo dos seus pés. Aínda que cando di que todas as cousas foron sometidas a El, está claro que exceptuando a Aquel que lle someteu todas as cousas. 28 E cando todo sexa sometido, entón tamén o Fillo mesmo hase suxeitar a Aquel que suxeitou a El todas as cousas, para que Deus sexa todo en todos. 29 De non ser así, que farán aqueles que se bautizan polos mortos? Se en verdade os mortos non resucitan, por que, entón, se bautizan por eles? 30 E por que nós estamos en perigo a toda hora? 31 Pola gloria que teño de vós en Cristo Xesús, o noso Señor, morro cada día. 32 Se só como home loitei contra feras en Éfeso, que proveito gañei se os mortos non son resucitados? Comamos e bebamos que mañá morreremos! 33 Non vos deixedes enganar, as malas compañías estragan os bos costumes. 34 Volvede xustamente a ser sensatos, e non sigades pecando, porque algúns non son capaces de percibir o que é de Deus. Para a vosa vergoña volo aviso. 35 Pero algún preguntará: Como son resucitados os mortos? Con que clase de corpo volverán á vida? 36 Insensato! O que sementas, non prende na vida se antes non morre. 37 E cando sementas, non sementas o corpo que chegará a ser, senón un gran espido, de trigo se cadra, ou dalgún outro. 38 Pero Deus dálle un corpo como El quixo, e a cada unha das sementes o seu propio corpo. 39 Non toda a carne é a mesma carne, senón que unha é humana, outra a das bestas, outra a das aves e outra a dos peixes. 40 Hai tamén corpos celestes e corpos terrestres, pero unha, na verdade é a gloria dos celestes e outra a dos terrestres. 41 Unha é a gloria do sol e outra a da lúa, e aínda outra a das estrelas, porque cada unha delas brilla dun xeito diferente. 42 O mesmo acontece coa resurrección dos mortos: Seméntase na corrupción, resucítase na incorrupción. 43 Seméntase na humillación, resucítase na gloria, seméntase na debilidade, resucítase con poder. 44 Seméntase corpo natural, resucita un corpo espiritual, porque se hai un corpo natural tamén hai un espiritual. 45 Así tamén está escrito: "O primeiro home, Adán, foi feito un ser vivo", e o último Adán, un espíritu que dá vida. 46 Pero non é primeiro o espiritual senón o natural; e despois o espiritual. 47 O primeiro home, feito do pó da terra, é terrestre, o segundo home veu do ceo. 48 Coma o terrestre, do mesmo xeito son os terrestres, e coma o celeste, así son os celestes. 49 Tal como agora amosamos a imaxe terrestre, amosaremos un día a imaxe celeste. 50 Dígovos entón, irmáns: a carne e o sangue non poden herdar o reino de Deus, nin a corrupción herdará a incorrupción. 51 Velaí que vos revelo un misterio: non todos morreremos, pero todos seremos transformados. 52 Nun instante, nun abrir e piscar de ollos, no toque da derradeira trompeta (porque soará a trompeta) os mortos serán resucitados incorruptibles, e nós seremos transformados. 53 Porque é necesario que o noso corpo corruptible sexa revestido de incorrupción, e o mortal sexa revestido de inmortalidade. 54 E cando o corruptible se revista de incorrupción e o mortal se revista de inmortalidade, entón cumprirase a palabra que está escrita: "A morte foi tragada na vitoria! 55 Morte u-la túa vitoria? Morte u-lo teu aguillón"? 56 O aguillón da morte é o pecado, e o poder do pecado, é a lei. 57 Pero grazas a Deus que nos dá a victoria por medio de Xesús Cristo, o noso Señor! 58 Así que, benqueridos irmáns, mantédevos firmes, que ninguén vos abanee, abundando na obra do Señor sempre, sabendo que o voso traballo no Señor nunca é en balde.