Capítulo 16

1 Agora ben, en canto á ofrenda para os irmáns, facede vós tamén como lle dixen ás igrexas da Galacia: 2 cada primeiro día da semana, cada un de vós aparte algo, aforrando daquilo que teña gañado, para que cando eu vaia non teñades necesidade de facer colectas. 3 E, cando chegue, a aqueles que vós aprobedes, mandarei con cartas para levaren a expresión da vosa bondade ás igrexas de Xerusalém. 4 E se paga a pena que vaia eu tamén, eles virán comigo. 5 Irei onda vós cando atravese Macedonia, pois preciso pasar pola Macedonia. 6 Pode ser que me quede convosco, se cadra todo o inverno, para que me axudedes na viaxe onde teña que ir. 7 Pero non vos quero ver só de paso, pois se o Señor o permite, quero quedar algún tempo convosco. 8 Polo de agora, quedarei en Éfeso ata Pentecostés, 9 pois abríuseme unha porta grande e frutífera, aínda que hai moitos que están a poñer atrancos. 10 Cando chegue Timoteo, mirade que estea convosco sen problemas, porque el traballa na obra do Señor coma min. 11 Polo tanto, que ninguén o teña en pouco, ao contrario, axudádeo na viaxe para que volva a min cheo de paz, porque o estou agardando cos irmáns. 12 En canto ao noso irmán Apolos, animeino moito a que fose onda vós cos irmáns, pero de ningunha maneira tivo o desexo de ir polo de agora; porén irá cando teña oportunidade. 13 Vixiade, estade firmes na fe, portádevos dun xeito valente, sede fortes. 14 Facede todas as cousas con amor. 15 Pídovos irmáns (xa sabedes dos da casa de Estéfanas, os primeiros convertidos da Acaia que se adicaron a servir aos irmáns) 16 que vos poñades á disposición deles e de todos os que traballan e serven aos demais. 17 Estou moi alegre coa visita de Estéfanas, de Fortunato e de Acaio, pois axudáronme a vencer a morriña que tiña por vós. 18 Refrescaron o meu espírito e mailo voso; dádelle valor sempre a persoas así. 19 Mándanvos recordos as igrexas da Asia. Saúdanvos con moito agarimo no Señor, tanto Aquila como Prisca, do mesmo xeito que a igrexa que está na súa casa. 20 Saúdanvos todos os irmáns. Saudádevos uns aos outros cun bico santo. 21 Eu Paulo, saúdovos, escribíndovos coa miña propia man. 22 Se algún non ama ao Señor, sexa maldito! 23 O Señor vén! A graza do Señor Xesús sexa convosco. 24 O meu amor sexa con todos vós en Cristo Xesús.