1 Seguide o amor e cobizade os dons espirituais, sobre todo que profeticedes. 2 Porque o que fala unha lingua, non lle fala á xente, senón a Deus, xa que ninguén o entende, pois polo Espírito fala misterios, 3 pero o que profetiza, fala a todos para edificación, ánimo e consolo. 4 Quen fala unha lingua edifícase a si mesmo, pero o que profetiza edifica á igrexa. 5 Así que, quixera que todos falásedes en linguas, pero máis que profeticedes, porque maior é o que profetiza que aquel que fala en linguas, a non ser que as interprete para que a igrexa sexa edificada. 6 Porque, irmáns, se eu fose a vós falando linguas, que proveito tería se non vos falara con revelación e coñecemento, con profecía ou ensinanza? 7 Aínda os instrumentos inanimados que producen sons como a frauta, ou a cítara, se non se distinguiran ben os sons, como se saberá o que se está a tocar coa frauta, ou o que se interpreta coa cítara? 8 Ou tamén, se a trompeta dira un son confuso, quen se vai a preparar para o combate? 9 Do mesmo xeito, se vós non dades palabras comprensibles coa vosa lingua, como se vai entender o que falades? Estaredes a falar para o vento. 10 Moitas linguas hai no mundo, e todas teñen o seu significado, 11 pero se non entendo o significado das palabras serei coma un estranxeiro para quen fala, e el un estranxeiro para min. 12 Pois logo, vós que desexades os dons espirituais, procurade abundar neles para a edificación da igrexa. 13 Por iso, quen ore en lingua, ore tamén para que poida interpretala. 14 Porque se eu oro en lingua o meu espírito ora, pero o meu entendemento queda sen froito. 15 Entón que? Orarei co espírito, pero tamén co entendemento; cantarei salmos co espírito, pero cantareinos tamén co entendemento. 16 Porque se bendices co espírito, como poderá responder amén á túa acción de grazas o que está escoitando, se non sabe o que dis? 17 Porque ti, en verdade, ben dás grazas, pero o outro non é edificado. 18 Dou grazas a Deus que falo en linguas máis ca todos vós, 19 pero na igrexa prefiro falar cinco palabras co meu entendemento, para instruír a outros, que dez mil palabras en lingua. 20 Irmáns, non sexades nenos no modo de pensar, senón na falta de malicia; pero no modo de pensar, sede maduros. 21 Na lei está escrito: "Falarei a este pobo en outras linguas e coas bocas doutros, pero nin aínda así me escoitarán", di o Señor. 22 De maneira que as linguas son un sinal non para os crentes, senón para os incrédulos, pola contra, a profecía non é para os incrédulos senón para os crentes. 23 Polo tanto, cando toda a igrexa se reúne, se todos falan en linguas, e entraran incrédulos ou simpatizantes, non dirían que estades tolos? 24 Pero se todos profetizan e entra un non crente, por todos é convencido e séntese xulgado polo que escoita; 25 así o que hai oculto no seu corazón sae á luz, e postrándose sobre o seu rostro adorará a Deus recoñecendo que Deus verdadeiramente está entre vós. 26 Entón que faremos, irmáns? Cando vos xuntedes, cada un ten un salmo, ten unha ensinanza, explica unha revelación, ten lingua, ten interpretación; facédeo todo para edificación. 27 Se algún fala en lingua, que sexa un ou dous, como moito tres, sempre por turno e habendo un que interprete. 28 Pero se non hai intérprete, cale na igrexa e fale para si e para Deus. 29 Os profetas, que falen dous ou tres, e os demais, saquen as conclusións. 30 E se a alguén que está sentado ten unha revelación, o primeiro debe calar. 31 Porque todos podedes profetizar un por un, para que todos aprendan e todos sexan animados. 32 Porque os espíritos dos profetas están suxeitos aos profetas, 33 pois Deus non é Deus de desorde, senón de paz, como en tódalas igrexas dos santos. 34 As mulleres deben gardar silencio nas congregacións, porque non lles é permitido falar, senón estar submisas como di a lei. 35 Se queren aprender algunha cousa, deben preguntar aos seus maridos na casa, porque non queda ben que unha muller fale na congregación. 36 Acaso saíu de vós a palabra de Deus ou só chegou a vós? 37 Se algún pensa de si que é profeta ou espiritual, recoñeza o que eu vos escribo, porque é mandato do Señor; 38 pero se algún ignora iso, el mesmo é ignorado. 39 Entón irmáns, procurade profetizar; e non impidades falar en linguas. 40 Pero que todo sexa feito decentemente e con orde.