Capítulo 5

1 Garda os teus pasos cando vas á casa de Deus, e achégate a ouvir en lugar de ofrecer o sacrificio dos necios, porque estes non saben que fan o mal. 2 Non teñas présa por falar, nin o teu corazón se apresure en pronunciar palabra diante de Deus. Porque Deus está no ceo e ti na terra; por tanto, sexan poucas as túas palabras. 3 Porque do moito traballo veñen os soños, e a voz do insensato das moitas palabras. 4 Cando fas un voto a Deus, non tardes en cumprilo, porque el non se goza cos insensatos. Cumpre o que prometes. 5 É mellor que non fagas promesas, a que as fagas e non as cumpras. 6 Non permitas que a túa boca che faga pecar, e non digas diante do enviado de Deus que foi un erro. Por que ten que enfadarse Deus por causa do que dis e destruír a obra das túas mans? 7 Porque na abundancia de soños e nas moitas palabras hai vaidades; porén ti, teme a Deus. 8 Se ves a opresión do pobre e a privación de dereitos e da xustiza na provincia, non te sorprendas diso; porque sobre o alto vixía outro máis alto, e outro máis alto está sobre eles. 9 Ademais, o proveito da terra é para todos; até o rei se serve dos campos. 10 O que codicia o diñeiro non se fartará de diñeiro, e o que ama a abundancia non se fartará da renda: Tamén isto é vaidade. 11 Cando medra a facenda, medran os que dela viven: Así, pois, cal é a vantaxe para os seus donos, ademais de ollala? 12 O sono do traballador é doce, coma moito ou coma pouco; pero a fartura do rico non o deixa durmir. 13 Hai un grande mal que vin debaixo do sol: As riquezas gardadas polo seu dono para o seu mal; 14 cando esas riquezas se perden por un mal negocio, e ao nacerlle un fillo, non se queda nada para mantelo. 15 Como saíu do ventre da nai espido, así volverá, índose como veu; nada ten do seu traballo que poida levar na súa man. 16 E isto tamén é un grande mal: Que terá que ir así como veu. Por tanto, que proveito ten o que traballa perseguindo o vento? 17 Ademais todos os días da súa vida come en tebras, con m oita aflición, doenza e enfado 18 Velaí o que vin que é bo e digno: Comer, beber e gozarse do ben de todo o seu traballo que fai debaixo do sol nos escasos días de vida que Deus lle deu; porque esta é a súa recompensa. 19 Así a toda persoa que Deus lle dá riquezas e bens, lle da a facultade para que coma delas e recibir a súa recompensa e gozarse no seu traballo: isto é don de Deus. 20 Porque non se lembrará moito nos días da súa vida, pois Deus o mantén ocupado ao encher de alegría o seu corazón.