1 Dixen eu no meu corazón: Ven agora, probareite co pracer: Divírtete! E velaí isto tamén era vaidade. 2 Dixen do riso: É tolo!, e do pracer: Para que serve? 3 Busquei no meu corazón regalarlle ao meu corpo viño, mentres o meu corazón me guiaba con sabedoría, de como agarrar a insensatez, ata que puidese ver que hai de bo no que as persoas fan nos contados días da súa vida debaixo do ceo. 4 Fixen obras grandes, edifiquei casas para min, plantei para min viñas; 5 fixen para min xardíns e hortos e plantei neles toda clase de árbores frutais; 6 fixen para min estanques de augas para regar o bosque con árbores que agromaban. 7 Merquei servos e servas, e tiven servos nacidos na casa. 8 Tiven tamén gando, vacas e ovellas, máis que todos os que me precederon en Xerusalém. Xuntei para min prata e ouro e o tesouro dos reis e das provincias. Rodeeime de cantores e cantoras, para gozar dos praceres dos homes. 9 Engrandecinme e superei a todos os que foron antes ca min en Xerusalém; a máis disto conservei comigo a sabedoría. 10 E de todo canto os meus ollos desexaban, nada lles neguei, nin privei o meu corazón de ningún pracer, porque o meu corazón se gozaba de todo o meu traballo, e esta foi a recompensa de todo o meu labor. 11 Logo considerei todas as obras que as miñas mans fixeran e o traballo que levei para facelas, e velaí todo era vaidade e correr tras do vento, e sen proveito debaixo do sol. 12 Eu volvín, pois, considerar a sabedoría, a loucura e a insensatez, porque que poderá engadir quen veña despois do rei senón o que xa foi feito? 13 E eu vin que a sabedoría avantaxa a insensatez, como a luz ás tebras. 14 O sabio ten ollos na cabeza, mais o necio anda en tebras. Pero eu sei tamén que os dous teñen a mesma sorte. 15 Entón dixen no meu corazón: Como a sorte do necio, a miña ha de ser. Para que, pois, me aproveita ter sido tan sabio? E dixen para min: Tamén iso é vaidade. 16 Porque non haberá memoria que dure do necio nin do sabio, pois todo será esquecido nos vindeiros tempos. Así como morre o necio, morre o sabio. 17 E aborrecín a vida, porque a obra que se fai debaixo do sol me era penosa, pois todo é vaidade e correr tras do vento. 18 Así mesmo aborrecín todo o froito do meu traballo que fixera debaixo do sol, e que terei que deixar a alguén que veña despois de min. 19 E quen sabe se será sabio ou necio? Porén el terá dominio sobre todo o froito do meu traballo no que me ocupei obrando con sabedoría debaixo do sol. 20 Por tanto, perdín moito a esperanza polo froito do meu traballo, polo que me afanara debaixo do sol. 21 Cando hai un home que traballou con sabedoría, con coñecemento e con destreza e ten que deixar a súa facenda ao que non traballou nela, isto tamén é vaidade e un grande mal! 22 Pois que recibe o home de todo o seu traballo e do esforzo do seu corazón con que se afana debaixo do sol? 23 Porque durante todos os seus días, a súa tarefa é dolorosa e penosa; e nin pola noite descansa o seu corazón, tamén isto é vaidade 24 Nada hai mellor para alguén que coma e beba e que a súa alma vexa o bo que é o seu traballo. Isto tamén vin que é da man de Deus. 25 Porque quen comerá e se alegrará sen El? 26 Porque aquel que agrada a Deus, El deulle sabedoría, coñecemento e gozo; mais ao pecador deulle a tarefa de recoller e amontoar para darllo ao que agrada a Deus. Isto tamén é vaidade e correr tras do vento.