Capítulo 47

1 Entón foi Xosé e fíxollo saber a Faraón, dicindo: "Meu pai e os meus irmáns, e as súas ouvellas e as súas vacas, con todo o que teñen, viñeron da terra de Canaán, e velaí que están na terra de Gosén." 2 E tomou a cinco dos seus irmáns e presentoullos a Faraón. 3 E Faraón preguntoulles aos seus irmáns: "cal é o voso oficio?" E eles respondéronlle. "os teus servos son pastores de ovellas, así como os nosos pais." 4 Dixéronlle ademais a Faraón: "viñemos a morar nesta terra porque non hai pasto para as ovellas dos teus servos, pois a fame é grande na terra de Canaán. Así que rogámosche agora que lles permitas aos teus servos habitar na terra de Gosén." 5 Entón Faraón díxolle a Xosé: "o teu pai e os teus irmáns viñeron onda ti. 6 A terra de Exipto está diante de ti. Fai habitar a teu pai e os teus irmáns na mellor rexión, na terra de Gosén, e se coidas que hai entre eles homes capaces, ponos ao cargo do meu gando." 7 Tamén Xosé trouxo a Xacob o seu pai e presentoullo a Faraón, e Xacob bendixo a Faraón. 8 Faraón preguntoulle a Xacob: "cantos son os días dos anos da túa vida?" 9 Respondeulle Xacob: "os días dos anos da miña peregrinación son cento trinta. Poucos e dolorosos teñen sido os días dos anos da miña vida, e non chegan aos dos meus devanceiros." 10 E Xacob bendixo a Faraón a foise da súa presenza. 11 Así Xosé fixo habitar a seu pai e os seus irmáns, e deulles posesión na terra de Exipto, no mellor da terra, na terra de Ramsés, como mandara Faraón. 12 E Xosé alimentou a seu pai e a seus irmáns, e a toda a casa do seu pai, provéndolles pan incluíndo os nenos. 13 Non había pan en toda a terra, e a fame era moi severa, polo que desfaleceu de fame a terra de Exipto e a terra de Canaán. 14 E recolleu Xosé todo o diñeiro que había na terra de Exipto e na terra de Canaán, polo gran que eles mercaban, e levou Xosé os cartos á casa de Faraón. 15 Cando se esgotaron os cartos da terra de Exipto e da terra de Canaán, todo Exipto acudiu a Xosé, dicindo: "dános pan. Por que habemos morrer diante de ti? Pois acabáronse os cartos." 16 E dixo Xosé: "traede o voso gando e vendereivos a cambio del." 17 Así que leváronlle o seu gando a Xosé, e Xosé deulles pan polos cabalos, e polo gando das ovellas, e polo gando das vacas, e polos burros, e aquel ano proveulles pan a cambio de todos os seus gandos. 18 Rematado aquel ano, viñeron a el no ano seguinte, e dixéronlle: "non lle encubrimos ao noso señor que se esgotaron os cartos e que o gando é xa do noso señor. Non queda nada ante o noso señor, excepto os nosos corpos e a nosa terra. 19 Por que habemos morrer diante dos teus ollos, así nós como a nosa terra? Mércanos a nós e a nosa terra a cambio de pan, e seremos nós e a nosa terra servos de Faraón, e dános semente para que vivamos e non morramos, e para que a terra non sexa asolada". 20 Entón mercou Xosé toda a terra de Exipto para o Faraón, pois os exipcios venderon cadansúas terras, debido a que a fame era moi grande. Deste xeito, a terra pasou a ser propiedade do Faraón. 21 E fixo pasar o pobo ás cidades, desde un extremo ao outro do territorio de Exipto. 22 Soamente non mercou a terra dos sacerdotes, debido a que os sacerdotes comían da ración que o Faraón lles daba, polo que non venderon a súa terra. 23 E díxolle Xosé ao pobo: "velaí hoxe merqueivos a vós e a vosa terra para o Faraón. Aquí tedes semente, e sementaredes a terra. 24 Daredes a quinta parte da vosa colleita a Faraón, e catro partes serán para vós, para semente do campo, para alimento voso e dos que están nas vosas casas, e para dar de comer aos vosos nenos." 25 E eles responderon: "déchesnos a vida! Atopemos graza aos ollos do noso señor, e sexamos servos do Faraón." 26 Xosé puxo isto por lei ata hoxe na terra de Exipto, sinalando a quinta parte para Faraón, agás a terra dos sacerdotes, que non foi do Faraón. 27 Así habitou Israel na terra de Exipto, na terra de Gosén, e tomaron posesión dela, e multiplicáronse en gran maneira. 28 E viviu Xacob na terra de Exipto dezasete anos, e foron os días de Xacob, os anos da súa vida, cento corenta e sete anos. 29 E chegaron os días de Israel para morrer, e chamou a Xosé, o seu fillo, e díxolle: "se nesta hora atopei graza aos teus ollos, pon agora a túa man debaixo da miña perna, e farás comigo misericordia e verdade. Rógoche que non me enterres en Exipto. 30 Lévame de Exipto cando durma cos meus pais e sepúltame na tumba deles". E Xosé respondeulle: "farei segundo a túa palabra." 31 E el dixo: "xúramo". E Xosé xuroullo. Entón Israel inclinouse sobre a cabeceira da cama.