1 Despois destas cousas veu a palabra de Iahveh a Abram por medio dunha visión, dicindo: Non temas Abram! Eu son o teu escudo e o teu galardón será grande. 2 E respondeu Abram: Iahveh o Señor, que me darás se non teño fillos e o maiordomo da miña casa é ese damasceno Eliezer? 3 E dixo tamén Abram: Mira que non me diches descendencia e velaquí un servo nacido na miña casa será o meu herdeiro. 4 Velaquí veu a palabra de Iahveh a el dicindo: Non será este o teu herdeiro, senón un fillo exendrado por ti ha ser o teu herdeiro. 5 E levouno fóra e díxolle: Mira agora os ceos e conta as estrelas, se as podes contar. E díxolle: Así será a túa descendencia. 6 E creu en Iahveh e foille contado por xustiza. 7 E díxolle: Eu son Iahveh, o que te sacou de Ur dos caldeos, para darche esta terra en posesión. 8 E el respondeulle: Señor Iahveh, como saberei que a hei de herdar? 9 E díxolle: Traeme unha xata de tres anos, unha cabra de tres anos, e un carneiro de tres anos, e unha rula, e un pombiño. 10 E tróuxoulle todo isto e partiunos en dous, e puxo cada metade unha enfronte da outra, pero non partiu as aves. 11 E descendían aves de rapina sobre os cadáveres, mais Abram escorrentábaas. 12 E poñéndose o Sol entroulle un profundo sono a Abram, e velaquí o temor dunha gran escuridade caeu sobre el. 13 Entón Iahveh dixo a Abram: Ten por seguro que a túa descendencia morará en terra que non é súa, e converteranse nos seus escravos e serán oprimidos por catrocentos anos. 14 Mais tamén Eu xulgarei á nación a cal servirán, e despois disto sairán con moita riqueza. 15 E ti irás a teus pais en paz, en boa vellez serás sepultado. 16 E a cuarta xeración tornará acó, porque aínda a maldade dos amorreos non chegou ao seu límite. 17 E sucedeu que posto o Sol, e xa escurecido, víase un forno con fumareda e un facho de lume que pasou por entre as metades dos animais. 18 Naquel día fixo Iahveh un pacto con Abram dicindo: Hei dar esta terra á túa descendencia, dende o río de Exipto ata o gran río do Eufrates, 19 a terra dos ceneos, dos cenezeos, dos cadmoneos, 20 dos heteos, dos ferexeos, dos refaíns, 21 dos amorreos, dos cananeos, dos xergaseos e dos xebuseos.