Capítulo 31

1 Pero Xacob escoitaba as palabras dos fillos de Labán, que dicían: Apoderouse Xacob de todo o que era do noso pai; e de todo o que era do noso pai fixo esta riqueza. 2 E observaba Xacob a faciana de Labán, e velaquí que el non o miraba como antes. 3 Entón Iahevh dixo a Xacob: Volve á terra dos teus pais e aos teus familiares, e Eu estarei contigo. 4 Xacob, pois, mandou chamar a Raquel e a Lea ao campo, onde estaba o seu rabaño, 5 e díxolles: Estou a ver que que o voso pai non me mira como antes; pero o Deus do meu pai estivo comigo. 6 E vosoutras sabedes tamén que servín o voso pai con todas as miñas forzas. 7 E o voso pai enganoume, e que por dez veces cambiou o meu salario; mais Deus, non lle permitiu prexudicarme. 8 Se el dicía: «As riscadas serán o teu salario», entón todo o rabaño paría riscadas; e se dicía: «As raiadas serán o teu salario», entón todo o rabaño paría raiadas. 9 Desta maneira Deus quitou o gando ao voso pai e deumo a min. 10 E aconteceu que polo tempo cando o rabaño estaba en celo, alcei os ollos e vin en soños; e velaquí, os machos que cubrían ás femias eran raiados, riscados e pintos. 11 Entón o anxo de Deus díxome no soño: «Xacob»; e eu respondín: «Aquí estou». 12 E el dixo: «Alza agora os ollos e mira que todos os machos que están a cubrir ás femias son raiados, riscados e pintos, pois eu vin todo o que Labán che fixo. 13 Eu son o Deus de Betel, onde ti unxiches un piar, onde me fixeches un voto. Levántate agora, sae desta terra, e volve á terra onde naciches». 14 E Raquel e Lea responderon, e dixéronlle: Temos aínda nós parte ou herdanza algunha na casa do noso pai? 15 Non nos tratou coma estranxeiras? Pois vendeunos, e tamén consumiu por completo o prezo da nosa compra. 16 Certamente, toda a riqueza que Deus quitou ao noso pai é nosa e dos nosos fillos; agora pois, todo o que Deus che dixo, faino. 17 Entón Xacob ergueuse, montou aos seus fillos e ás súas mulleres nos camelos, 18 e puxo en camiño todo o seu gando e tódalas posesións que acumulara, o gando adquirido que acumulara en Padán-aram, para ir a Isaac o seu pai, á terra de Canaán. 19 E foi Labán á rapa das súas ovellas, e Raquel roubou os ídolos domésticos que eran do seu pai. 20 E Xacob enganou a Labán arameo ao non lle facer saber que fuxía. 21 Fuxiu, pois, con todo o que tiña; e levantándose, cruzou o río Eufrates e dirixiuse cara a rexión montañosa de Galaad. 22 E ao terceiro día, cando informaron a Labán que Xacob fuxira, 23 tomou ós seus irmáns consigo e perseguiuno por sete días; e alcanzouno nos montes de Galaad. 24 Pero Deus chegou a Labán arameo en soños durante a noite, e díxolle: Gárdate que non fales a Xacob nin ben nin mal. 25 Alcanzou, pois, Labán a Xacob. E Xacob plantara a súa tenda na rexión montañosa, e Labán e os seus irmáns acamparon nos montes de Galaad. 26 Entón Labán díxolle a Xacob: Que fixeches, enganándome e levando ás miñas fillas coma se fosen prisioneiras de guerra? 27 Por que fuxiches en segredo e me enganaches, e non me avisaches para que eu puidese despedirte con alegría e cantos, con pandeiros e liras? 28 Por que non me permitiches bicar aos meus fillos e ás miñas fillas? Agora aloucadamente fixeches! 29 Teño poder para facerche dano, pero onte á noite o Deus do teu pai faloume, dicindo: «Gárdate de falar nada con Xacob nin bo nin malo». 30 E agora, certamente marchas porque tiñas morriña da casa do teu pai; pero por que roubaches os meus deuses? 31 Entón Xacob respondeu, e dixo a Labán: Porque tiven medo, pois dixen: «Non sexa que me quites ás túas fillas á forza». 32 Pero aquel con quen atopes os teus deuses, non vivirá. En presenza dos nosos parentes indica o que é teu entre as miñas cousas e lévao. Pois Xacob non sabía que Raquel os roubara. 33 Entrou entón Labán na tenda de Xacob, na tenda de Lea e na tenda das dúas servas, e non os atopou, e saíu da tenda de Lea e veu á tenda de Raquel. 34 E tomou Raquel os ídolos e púxoos na albarda dun camelo e sentou sobre eles. E Labán buscou por toda a tenda e non os atopou. 35 E ela dixo ao seu pai: Non se anoxe o meu señor porque non poida levantarme diante de ti, pois estou co costume das mulleres. E el buscou, pero non atopou os ídolos domésticos. 36 Entón anoxouse Xacob e rifou con Labán; e respondendo Xacob, dixo a Labán: Cal é a miña transgresión? Cal é o meu pecado de que me perseguiches tan apaixonadamente? 37 Aínda que buscaches en todas as miñas cousas, que achaches de todos os obxectos da túa casa? Pono diante dos meus parentes e dos teus parentes para que eles xulguen entre nos os dous. 38 Estes vinte anos eu estiven contigo; as túas ovellas e as túas cabras non abortaron, nin eu comín os carneiros dos teus rabaños. 39 Non che trouxen o esnaquizado polas feras; eu cargaba coa perda. Ti demandábalo da miña man, tanto o roubado de día coma o roubado de noite. 40 De día a calor consumíame e de noite a xeada, e o sono fuxía dos meus ollos. 41 Estes vinte anos estiven na túa casa; catorce anos servinte polas túas dúas fillas, e seis polo teu rabaño, e dez veces cambiaches o meu salario. 42 Se o Deus do meu pai, Deus de Abraham, e temor de Isaac, non estivese comigo, certamente enviaríasme agora coas mans valeiras. Pero Deus viu a miña aflición e o labor das miñas mans, e onte á noite fixo xustiza. 43 Respondeu Labán e dixo a Xacob: As fillas son as miñas fillas, e os fillos os meus fillos, e os rabaños os meus rabaños, e todo o que ves é meu. Pero que podo eu facer hoxe a estas as miñas fillas, ou aos seus fillos que elas deron a luz? 44 Agora ben, ven, fagamos un pacto ti e mais eu e que sirva de testemuño entre nos os dous. 45 Entón Xacob tomou unha pedra e levantouna como sinal. 46 E Xacob dixo aos seus parentes: Recollede pedras. E tomaron pedras e fixeron un montón, e comeron alí xunto ao amoreado. 47 Labán chamouno "montón da testemuña", pero Xacob chamouno Galaad. 48 E Labán dixo: Este montón é hoxe unha testemuña entre nós. Por iso chamouno Galaad; 49 E Mizpa, porque dixo: Que Iahveh nos vixíe os dous cando nos apartemos o un do outro. 50 Se aflixires ás miñas fillas, ou se tomares outras mulleres ademais das miñas fillas, aínda que ninguén o saiba, mira, Deus é testemuña entre ti e mais eu. 51 E Labán dixo a Xacob: velaí este montón, e mira o milladoiro que puxen entre nós. 52 Testemuña sexa este montón e testemuña sexa o milladoiro de que eu non pasarei deste montón cara a ti e ti non pasarás deste montón nin deste milladoiro cara a min, para facer dano. 53 O Deus de Abraham e os deuses de Nacor, deuses dos seus pais, xulgue entre nós. Entón Xacob xurou polo temor de Isaac o seu pai. 54 Logo ofreceu Xacob un sacrificio no monte, e chamou aos seus parentes para comer; e comeron, e pasaron a noite no monte. 55 E Labán ergueuse ben cedo, bicou aos seus fillos e ás súas fillas, e bendíxoos. Entón Labán partiu e regresou ao seu lugar.