1 E houbo fame na terra, amais daquela primeira fame que acontecera nos días de Abraham, e foi Isaac a Guerar, onda Abimelec, rei dos filisteos. 2 E aperecéuselle Iahveh e dixo: non baixes a Exipto; queda na terra que Eu che direi. 3 Habita nesta terra e Eu serei contigo e te hei bendicir; porque a ti e a túa descendencia darei todas estas terras, e confirmarei o xuramento que xurei a Abraham, o teu pai. 4 Eu multiplicarei a túa descendencia coma as estrelas do ceo e darei aos teus descendentes todas estas terras; e todas as nacións da terra serán benditas. 5 Eu farei isto porque Abraham obedeceu a miña voz e gardou os meus mandamentos, os meus estatutos e as miñas leis. 6 Habitou pois Isaac en Guerar. 7 E ao preguntarlle os homes daquel lugar acerca da súa muller, el dixo: é a miña irmá; porque tiña medo de dicir: é a miña muller. Pensando: "Non vaia ser que me maten os homes do lugar por causa de Rebeca, pois é de fermosa aparencia". 8 E sucedeu que, despois de estar alí bastante tempo, Abimelec, rei dos filisteos, mirou por unha xanela, e velaquí, viu a Isaac acariñando a Rebeca, a súa muller. 9 Entón Abimelec chamou a Isaac e díxolle: velaquí certamente ela é a túa muller. Como foi que dixeches: “é a miña irmá?" E Isaac respondeulle: porque me dixen: "non vaia ser que eu morra por causa dela". 10 E Abimelec dixo: que é isto que nos fixeches? Tería sido ben doado que algún do pobo se deitase coa túa muller, e así terías traído culpa sobre nós! 11 E Abimelec ordenou a todo o seu pobo, dicindo: o que lle poña a man a este home ou á súa muller, de certo morrerá. 12 E sementou Isaac aquela terra, e a collleita aquel mesmo ano foi de cento por un porque Iahveh bendíxoo. 13 E o home enriqueceuse, e seguiu engrandecéndose ata que chegou a ser moi poderoso; 14 pois tiña rabaños de ovellas, mandas de vacas e moita servidume, e os filisteos tivéronlle envexa, 15 de xeito que todos os pozos que os servos do seu pai cavaran nos días de Abraham, seu pai, os filisteos cegáronos enchéndoos de terra. 16 Entón Abimelec dixo a Isaac: Vaite de aquí porque te fixeches moito máis poderoso que nós. 17 E Isaac foise de alí, e acampou no val de Guerar, e estableceuse alí. 18 E Isaac volveu cavar os pozos de auga que foran cavados nos días do seu pai Abraham, e que os filisteos cegaran despois da morte de Abraham, e púxolles os mesmos nomes que lles puxera o seu pai. 19 E os servos de Isaac cavaron no val atoparon alí un pozo de augas vivas. 20 Pero rifaron os pastores de Guerar cos pastores de Isaac, dicindo: a auga é nosa. Por iso el chamou ao pozo Esek, porque eles discutiran con el. 21 Cavaron outro pozo, e tamén discutiron por el ; por iso chamouno Sitna 22 E trasladouse de alí e cavou outro pozo, e non rifaron por este; por iso chamouno Rehobot, porque dixo: Iahveh fixo lugar para nós, e habemos frutificar na terra. 23 E de alí subiu a Beerseba, 24 e aparecéuselle Iahveh aquela mesma noite, e díxolle: Eu son o Deus do teu pai Abraham; non temas porque eu estou contigo. Bendicireite, e multiplicarei a túa descendencia por mor de Abraham, o teu pai. 25 Entón edificou alí un altar, e invocou o nome de Iahveh e montou alí a súa tenda e alí abriron os servos de Isaac un pozo. 26 E Abimelec veu a el dende Guerar, co seu conselleiro Ahuzat e con Ficol, xefe do seu exército. 27 E dixo Isaac: por que vindes a min, vós que me odiades e me botastes de entre vós? 28 E eles responderon: vimos claramente que Iahveh está contigo, así que dixemos: "fagamos un xuramento entre nós, entre ti e nós, e estableceremos un pacto contigo, 29 de que non nos farás ningún mal, así como nós non te tocamos e só che fixemos ben, e enviámoste en paz. Ti es agora o bendito de Iahveh. 30 Entón el preparoulles un banquete, e comeron e beberon. 31 E erguéronse á maña cedo e fixéronse mutuo xuramento; entón Isaac despediunos e eles partiron do seu carón en paz. 32 E aconteceu que aquel mesmo día os servos de Isaac chegaron e informárono acerca do pozo que cavaran e dixéronlle: atopamos auga! 33 E chamouno Seba; por iso o nome da cidade é Beerseba ata hoxe. 34 Era Esaú de corenta anos cando casou con Iudit, filla de Beeri heteo, e con Basemat, filla de Elón heteo; 35 e trouxéronlle moita amargura a Isaac e Rebeca.