1 Abraham era xa vello, entrado en anos; e Iahveh bendicírao en todo. 2 E Abraham dixo ao seu servo, o máis vello da súa casa, que era o mordomo de todo o que posuía: "Pon agora a túa man baixo a miña coxa 3 e hasme xurar por Iahveh, Deus dos ceos e da terra, que non collerás muller para o meu fillo das fillas dos cananeos cos que habito, 4 senón que irás á miña terra, onda os meus parentes, e collerás alí muller para o meu fillo Isaac. 5 E díxolle o criado: Se a muller non quere seguirme a esta terra, teño que volver e levar o teu fillo á terra de onde viñeches? 6 E Abraham respondeulle: Gárdate de levar alí o meu fillo. 7 Iahveh, Deus dos ceos, que me tomou da casa do meu pai e da terra onde nacín, e faloume e xuroume dicindo: "Á túa descendencia darei esta terra", El mesmo mandará o seu anxo diante de ti, e de alí tomarás muller para o meu fillo. 8 E se a muller non quere seguirte, quedarás libre deste xuramento; pero non leves o meu fillo alí. 9 E o criado puxo a súa man debaixo da coxa de Abraham o seu señor, e fixo xuramento. 10 E o servo colleu dez camelos dos de seu amo e púxose en camiño con toda clase de bens do seu señor; e foi a Aram Naharaim, á cidade de Nacor. 11 E fixo axeonllar os camelos fóra da cidade, xunto ao pozo de auga, á tardiña, á hora na que as mulleres saen para colleren auga. 12 E dixo: " Iahveh, Deus do meu señor Abraham, rógoche que me deas éxito hoxe, e que teñas misericordia do meu señor Abraham. 13 Velaquí que estou erguido ao pé da fonte de auga, e as fillas dos homes da cidade saen para sacar auga. 14 Sexa pois, que a rapaza á que eu lle diga:" Por favor, baixa o teu cántaro para que eu beba" e que me responda: "Bebe, e tamén darei de beber aos teus camelos" sexa a que ti designaches para o teu servo Isaac; niso saberei que lle mostraches misericordia ao meu amo. 15 E aconteceu que antes de que rematara de falar, velaquí que saíu Rebeca, filla de Betuel, fillo de Milca, muller de Nacor, irmán de Abraham, co cántaro no ombreiro. 16 E a moza era moi fermosa, virxe, ningún home a coñecera; e baixando á fonte , encheu o seu cántaro e subiu. 17 Entón o criado correu ao se encontro e díxolle: "Rógoche que me deas un pouco de auga do teu cántaro para beber". 18 E ela dixo: "Bebe meu señor." E baixou deseguida o cántaro á súa man e deulle de beber. 19 Cando rematou de lle dar de beber, dixo: "Sacarei tamén auga para os teus camelos, que beban canto queiran". 20 E decontado valeirou o seu cántaro na pía e correu á fonte sacar máis auga e sacou para todos os seus camelos. 21 O home, mirábaa calado, para saber se Iahveh dera éxito ou non á súa viaxe. 22 E aconteceu que cando os camelos remataron de beber, o home colleu un anel de ouro, de medio siclo de peso e dous brazaletes que pesaban dez, e preguntou: 23 De quen es filla? Fala por favor: Hai sitio na casa do teu pai para pasarmos a noite? 24 Ela respondeu: "Son filla de Betuel, o fillo que Milca deu a Nacor. 25 E engadiu: "tamén hai palla e forraxe abondo, e sitio onde quedar." 26 Entón o home prostrouse e adorou a Iahveh, 27 e dixo: "Bendito sexa Iahveh, Deus do meu amo Abraham, que non deixou de mostrar a súa misericordia e a súa fidelidade cara o meu señor, e xa encamiñado, guioume á casa dos irmáns do meu amo. 28 Entón a moza botou a correr e contou todo isto na casa da súa nai. 29 Rebeca tiña un irmán chamado Labán, que saíu correndo cara o que estaba xunto a fonte; 30 e cando el viu o anel e os brazaletes nas mans da súa irmá, e escoitou as palabras de Rebeca dicindo: "Este home faloume así", Labán foi correndo cara o home que aínda estaba cos camelos ao pé da fonte, 31 e díxolle: "Entra bendito de Iahveh, por que ficas fóra? Eu preparei a casa e un lugar para os camelos". 32 Entón o home entrou na casa, e Labán descargou os camelos e deulles palla e forraxe, e auga para lavar os pés do home e mailos dos seus acompañantes. 33 Pero cando lle servían a comida, o home dixo: "Non comerei mentres non explique o motivo da miña viaxe". 34 E díxolle: "Fala!" Entón dixo:"Eu son criado de Abraham", 35 E Iahveh bendiciu moito a meu señor, e é moi rico, pois deulle ovellas e vacas, prata e ouro, servos e servas, camelos e asnos. 36 E Sara, a muller do meu señor, deulle un fillo na súa vellez, e a este fillo deulle todo o que posúe. 37 Ora ben, o meu amo fíxome xurar, dicindo: Non tomarás muller para meu fillo de entre as fillas dos cananeos cos que habito, 38 senón que irás á casa do meu pai, á miña parentela, e tomarás de alí muller para meu fillo. 39 E díxenlle ao meu señor: "E se a muller non quere vir comigo?" 40 E el respondeume:" Iahveh, diante de quen teño andado, enviará o seu anxo contigo para dar éxito á túa viaxe e tomarás muller para o meu fillo da miña parentela, da casa do meu pai. 41 Entón, cando chegues aos meus parentes, quedarás libre do meu xuramento. Así que, se eles non cha dan, tamén quedarás libre deste xuramento." 42 E hoxe cheguei á fonte e dixen:"Oh, Iahveh, Deus do meu señor Abraham, se está en ti, rógoche me deas éxito nesta viaxe na que ando. 43 Velaquí estou erguido ao pé da fonte de auga; que a rapaza que veña sacar auga e eu lle diga: Por favor, dáme unha pouca auga do teu cántaro, 44 e me responda: "Bebe ti, e sacarei tamén para os teus camelos, sexa esa a muller que ten escollido Iahveh para o fillo do meu amo." 45 E antes de eu rematar de falar no meu corazón, velaquí, Rebeca saíu co seu cántaro sobre o ombreiro, baixou á fonte e sacou auga, e díxenlle: "Por favor, dáme de beber". 46 E ela decontado baixou o cántaro do seu ombreiro e dixo: "Bebe ti, e darei de beber tamén aos teus camelos." E bebín e máis lle deu de beber aos camelos. 47 Eu pregunteille entón: "De quen es filla?" E ela díxome: "De Betuel, fillo de Nacor e Milca." Niso púxenlle o anel no nariz e os brazaletes nas mans. 48 Despois prostreime e adorei a Iahveh e bendixen a Iahveh, Deus do meu amo Abraham, que me guiara dereitiño polo camiño, ata atopar á filla do irmán do meu amo para seu fillo. 49 Agora pois, se queredes amosar bondade e sinceridade co meu señor, dicídem, e se non, dicídemo tamén para que eu vaia á dereita ou á esquerda. 50 E Labán e Betuel responderon: "Isto vén de Iahveh; non podemos dicirche que está mal ou está ben". 51 Velaquí tes a Rebeca diante de ti; tómaa e vaite e que sexa a muller do fillo do teu amo, conforme dixo Iahveh. 52 Cando o criado de Abraham escoitou as súas palabras, prostrouse no chan diante de Iahveh. 53 E despois sacou xoias de prata e ouro e vestidos, e deullos a Rebeca; e tamén deu regalos de moito valor a seu irmán e a súa nai. 54 Despois el e os seus compañeiros comeron e beberon e pasaron alí a noite. Ao erguerse pola mañá, dixo o criado de Abraham: ‑"Permitídeme que volva onda o meu amo". 55 Pero o irmán e a nai dela dixeron: "Permite que a rapaza quede connosco uns dez días e despois irá contigo". 56 Pero el dixo: ‑"Non me deteñades pois Iahveh deume éxito na miña viaxe. Deixádeme ir onda o meu amo". 57 E eles dixeron: "Imos chamar a rapaza e a preguntarlle, a ver que di ela". 58 Chamaron, pois, a Rebeca e preguntáronlle: "has ir con este home?" E ela dixo: "Si, irei". 59 Entón despediron á súa irmá Rebeca, coa súa ama de leite e ao criado de Abraham cos seus homes. 60 E bendiciron a Rebeca e dixéronlle: "Que ti, nosa irmá, crezas por milleiros de miríades e que os teus descendentes posúan a porta dos seus inimigos". 61 Rebeca e as súas servas montaron nos camelos e seguiron ao home. E o criado tomou a Rebeca e marchou. 62 E viña Isaac de Beer-laxai-roi, pois habitaba na terra do Neguev. 63 E saíra Isaac á tardiña, a meditar ao campo . E levantando os ollos, mirou , e velaquí, viñan uns camelos. 64 Rebeca alzou os ollos e cando reparou en Isaac, baixou do camelo 65 e preguntoulle ao criado: "Quen é ese home que vén polo campo cara a nós?" O criado respondeulle: "É o meu amo". Ela entón colleu o veo e cubriuse. 66 E o servo contoulle a Isaac todo o que fixera. 67 Entón Isaac levouna á tenda da súa nai Sara, e tomou a Rebeca e ela foi a súa muller, e amouna. E Isaac foi consolado despois do da súa nai.