Capítulo 4

1 Que todos nos consideren deste xeito: como servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus. 2 Agora ben, ademais requírese dos administradores que cada un sexa confiable. 3 En canto a min, é de pouca importancia que eu sexa xulgado por vós ou por tribunal humano; de feito nin eu son quen de xulgarme a min mesmo. 4 Porque aínda que a miña conciencia non me acusa de nada; non por iso son xustificado, pois é o Señor quen me xulga. 5 Polo tanto, non xulguedes antes de tempo, senón agardade ata que o Señor veña, quen sacará á luz as cousas ocultas nas tebras e tamén porá de manifesto as intencións dos corazóns; e entón cada un recibirá a súa loanza de parte de Deus. 6 Pero estas cousas, irmáns, apliqueinas en sentido figurado a min mesmo e a Apolos, por amor a vós, para que co noso exemplo aprendades a non sobrepasar o que está escrito, e así ningún de vós se volva arrogante a favor dun na contra doutro. 7 Pois, quen te distingue? Que tes que non recibiches? E se o recibiches, porque te enches como se non o tiveras recibido? 8 Xa estades fartos, xa vos fixestes ricos, xa chegastes a reinar sen nós, e ogallá chegásedes reinar, para que nós reinásemos tamén con vós. 9 Porque penso que Deus exhibiunos a nós, os apóstolos, en derradeiro lugar, coma a sentenciados a morte; pois chegamos a ser espectáculo para o mundo, os anxos e as persoas. 10 Nós somos necios por amor de Cristo, mais vós sodes prudentes en Cristo; nós somos febles, mais vós, fortes; vós sodes distinguidos, mais nós, sen honra. 11 Ata este momento pasamos fame e sede, andamos mal vestidos, somos maltratados e non temos onde vivir; 12 Esgotámonos traballando coas nosas propias mans; sendo ofendidos, bendecimos; sendo perseguidos, aguantamos; 13 sendo difamados, consolamos; ata agora, non somos máis que a escoria do mundo, o desperdicio de todos. 14 Non vos escribo isto para causarvos vergoña, senón para chamarvos a atención como aos meus fillos amados. 15 Porque aínda que teñades dez mil de aios en Cristo, non tendes moitos pais; pois eu vos enxendrei en Cristo Xesús por medio do evanxeo. 16 Polo tanto, rógovos, que me sigades imitando. 17 Por mor disto mandeivos a Timoteo, que é meu fillo amado e fiel no Señor, quen vos fará lembrar os meus camiños en Cristo, tal como ensino en todas partes, en cada igrexa. 18 Mais algúns de vós tornastes arrogantes, coma se eu non fose volver a vós. 19 Pero irei a vós axiña, cando o Señor queira, e coñecerei, non as palabras senón o poder dos que se volveron arrogantes. 20 Porque o reino de Deus non consiste en palabras, senón en poder. 21 Que queredes? Irei a vós con vara, ou en amor e con espírito de mansedume?