1 Non quero, meus irmáns, que ignoredes que os nosos devanceiros estiveron baixo a nube, e todos pasaron polo mar; 2 e en Moisés foron todos bautizados na nube e no mar; 3 e todos comeron o mesmo alimento espiritual; 4 e todos beberon a mesma bebida espiritual, porque bebían dunha roca espiritual que os seguía; e a roca era Cristo. 5 Pero non se agradou Deus da meirande parte deles, porque quedaron aniquilados no deserto. 6 Estas cousas aconteceron como exemplo para nós, para que non sexamos cobizosos do malo, como eles cobizaron. 7 Nin sexades idólatras, coma foron algúns deles, segundo está escrito: "Sentou o pobo a comer e a beber, e ergueuse a xogar". 8 Nin forniquemos, coma fornicaron algúns deles, e nun día pereceron vintetrés mil. 9 Nin tentemos o Señor, coma algús deles o tentaron, e foron mortos polas serpes. 10 Nin murmuredes, coma algúns deles murmuraron, e foron mortos polo destrutor. 11 Acontecéronlles estas cousas como exemplo, e foron escritas para advertirnos a nosoutros, para quen chegou aos derradeiros días. 12 De xeito que, o que cre que está firme, mire non caer. 13 Non vos sobreveu ningunha proba que non sexa humana; e fiel é Deus, que non ha permitir que sexades probados por riba do que podedes; senón que xuntamente coa proba, dará a saída, para que poidades soportar. 14 Polo tanto, meus amados, fuxide da idolatría. 15 Fálovos como a sabios, xulgade vós o que digo: 16 a copa de bendición que bendicimos, non é a participación no sangue de Cristo? O pan que partimos, non é a participación no corpo de Cristo? 17 Porque o pan é un, e nós sendo moitos, somos un corpo; porque todos participamos do único pan. 18 Mirade a Israel na carne, os que comen dos sacrificios, non son partícipes do altar? 19 Que vos estou a dicir? Que o sacrificado aos ídolos é algo, ou que un ídolo é algo? 20 Pero dígovos que o que eles sacrifican, sacrifícano aos demos, non a Deus, e non quero que sexades partícipes cos demos. 21 Non podedes beber a copa de Deus e estar a beber a copa dos demos; non podedes participar da mesa do Señor e estar comendo da mesa dos demos. 22 Ou estades a provocar a celos ao Señor? Será que somos máis fortes ca el? 23 Todo é lícito, pero non todo é de proveito. Todo é lícito, pero non todo edifica. 24 Ninguén ande na procura do seu ben, senón o do outro. 25 Comede de todo o que se vende na carnizaría, sen preguntar por mor da conciencia. 26 Porque do Señor é a terra e todo o que hai nela. 27 Se algún que non é crente, vos convida e queredes ir, comede de todo o que vos poña diante, sen preguntar nada por motivos de conciencia. 28 Pero se nalgunha ocasión alguén vos di: "isto foi sacrificado aos ídolos", non o comades, porque volo dixeron, e por motivos de conciencia; 29 por conciencia, refírome á do outro, non á vosa; pois, por que é xulgada a miña liberdade pola conciencia do outro? 30 Se participo con agradecemento, por que han falar mal de min por algo do que estou dando grazas? 31 Daquela, sexa que comades ou bebades, ou calquera cousa que fagades, facede todo para a gloria de Deus. 32 Non sexades motivo de tropezo, nin a xudeus, nin a gregos, nin á igrexa de Deus; 33 así como eu tamén en tódalas cousas agrado a todos, non procurando o meu propio beneficio, senón o de moitos, para que sexan salvos.